Imaxes

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai fotógrafos na nosa bisbarra que xa pasaron á historia polo traballo que fixeron nunha época na que son a única referencia gráfica. Témolos a todos na cabeza: Caamaño, Vidal... Ían máis aló do seu labor natural, documentaban, trataban de captar paisaxes e esencias que xa desapareceron. Boto de menos máis obras en profundidade, como as que se permitían certos fotógrafos e fotógrafas que visitaban a Costa da Morte con medios, tempo e outra ollada. Ver esas imaxes si que é unha viaxe no tempo. Mesmo recente, como as que sacou o danés Gustav Henningsen na bisbarra de Ordes a finais dos 60, un dos maiores tesouros da cultura galega da época, tan inxustamente descoñecido.

Pero tamén me gusta lembrar a retratistas que non tiñan máis pretensión que ganarse a vida moi dignamente e facían un traballo anónimo e non sempre recomendado. Profesionais que ían polas feiras cos seus aparatos sacando unha foto a quen lle pagara unhas pesetas. Eu lembro a Enrique de Xerne, por exemplo. Colocábase na beira da ponte de Baio, na parte baiesa, ao outro lado da feira das fabas. Algúns rapaces posaban para el con cara medio asustada, roupas modestas e moita seriedade. Falo de mediados dos setenta. Á seguinte feira recollías a imaxe. Moitas marchaban en cartas para a emigración, outras aínda están polo medio de caixóns que haberá que rebeirar, con datas escritas pola parte e atrás e seguramente un Bayo acompañando. Sacou centos, quen sabe se miles de imaxes. Aí estaba a súa ollada, humilde, pero sobre todo está a nosa de aquel tempo.