O día 1 de outubro comezamos un novo ano hidrolóxico, deixando atrás outro onde a cantidade de chuvia foi considerablemente inferior aos últimos anos, aínda que non podemos falar de tendencia ou que se vaia a repetir estas cifras nos vindeiros exercicios. É certo que nestes momento na Costa da Morte, como en moitos lugares de Galicia, hai unha escaseza de auga nos nosos ríos. Isto é debido á falta de precipitacións. A este problema únese que a xestión do recurso hídrico en Galicia en xeral, e en Bergantiños en particular, é complexa. Non existen grandes encoros e depéndese moito do caudal do día a día dos ríos.
A auga é un recurso finito e vulnerable, un ben común, esencial para soster a vida, o desenvolvemento e o medio ambiente. Por iso, e máis nestes momentos de tanta escaseza, o aproveitamento e a xestión deste recurso debe ser o máis eficiente posible, evitando ao máximo usos non imprescindibles e minimizando as perdas. Nestas accións deben ser partícipes tanto usuarios como xestores.
A nivel de consumo, informándose de boas prácticas no aforro da auga e poñéndoas en práctica. Moderación no uso para o rego, adaptación de cultivos e plantas en fincas e xardíns, non botar elementos no inodoro coma toalliñas limpadoras ou realizando un control axeitado da calidade da auga dos pozos particulares e a legalización dos mesmos.
A nivel de comunidades de usuarios, que en moitas ocasións nas parroquias rurais son as xestoras da auga, establecendo ordenanzas para a veciñanza de restricións dalgúns usos e a vixilancia do cumprimento dos mesmas, control axeitado da calidade da auga e coordinación con concellos e entidades como Augas de Galicia.
A nivel de Administración, hai que reforzar as liñas de subvencións para boas prácticas na industria e o agro. Tamén é moi importante promover boas prácticas do uso da auga con campañas de sensibilización entre a poboación, e ir creando unha cultura da participación na cidadanía, para evitar que as persoas se despreocupen da súa responsabilidade no aseguramento deste e outros dereitos básicos, e que así podan facer unha acción de control efectiva sobre as Administracións públicas. E, por suposto, organizacións da sociedade civil, coma a nosa, tamén teñen moita responsabilidade á hora de preservar este vital recurso.