Auga

Xosé Ameixeiras
Tomás de Nemancos ARUMES ARPADOS

CARBALLO

Chove detrás e diante dos cristais. Chove sobre os carballos medio desfollados, sobre os tellados de uralita e sobre as vellas tellas das casas de labranza. Chove, por fin e parafraseando a Machado, sobre os herbais sementados de novo. No é unha balada de outono, son as gotas caendo sobre o asfalto da rúa na que se reflexa a luz dos farois e os focos das aldeas case valeiras. Alumean a case ninguén no ocaso deste mundo rural que deixan morrer sen misericordia porque a xente prefire mirar escaparates con manequíns sen vida. Aínda así, o campo segue ledo coma sempre. Os paxaros sementan vida acó e acolá, haxa ou non quen os mire. A auga, en fin, estanos recolocando na nosa estación. Corre polas marxes das beirarrúas e o río Grande xa fai ruído nalgúns puntos polos que hai unhas semanas baixaba silencioso, calado como moribundo no seu leito, atordado polo cambio do tempo. Ata facía sentirse a un culpable ó miralo. Ese reflexo acusador. O peso real dos pecados de toda a humanidade. A de aquí e a de moi lonxe, provocadora de todos os males que acabaremos sufrindo. Todo o que sucede trae consecuencias. Nada é gratuíto. Nun senso ou noutro, cada acto provoca efectos, como as actas notariais. Ás veces non sabemos que facer para non causar dano. Lamentablemente non vimos ao mundo con libro de instrucións e a vida ten infinidade de versións. Hai quen cre que todos debemos pensar o mesmo, pero non hai dous seres humanos coa mesma idea. Ninguén é igual a outro. Nin mirando ao mar de Vilán, dous teñen a mesma visión. Esa fortuna da existencia, na que unha humilde raiola ten tantas versións.