Aínda queda tempo para presentar as candidaturas para a asección de webseries en galego, posto que o prazo remata o próximo 18 de marzo
20 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Do 4 ao 7 de abril • Prazo para webseries en galego: ata o 18 de marzo • Apenas dous días despois de pecharse o prazo de inscrición para participar no quinto festival Carballo Interplay xa se coñece o número de webseries que competirán: serán 256 proxectos, que foron recibidos dende todos os continentes.
Para aqueles que non puideran anotarse nesta convocatoria, aínda teñen a oportunidade de presentarse na categoría de webseries en galego, cuxo prazo de inscrición finaliza o próximo 18 de marzo. Non existen limitacións en canto a temática, xénero ou estilo, explican dende a organización, que unicamente impón a utilización do galego como requisito.
Deberá tratarse, asimesmo, dunha creación audiovisual pensada para ser publicada e difundida a través de internet e mediante capítulos ou episodios (deberá ter un mínimo de tres). O galardón, que ten unha dotación económica de 1.500 euros, resolverase en directo durante o festival e a serie resultante proxectarase na sexta edición, na que se desenvolverá no próximo ano.
Neste 2018, a imaxe do Carballo Interplay -que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril- homenaxeará ás mulleres pioneiras da tecnoloxía e do audiovisual como Hedy Lamarr, inventora; Ada Lovelace, matemática; Alice Guy, precursora dos efectos especiais ou Ruiz Robles, inventora do libro electrónico.
Ademais, a quinta edición desta cita trae consigo dúas novidades relevantes. Unha delas será o Campamento Kamikaze (2, 3 e 4 de abril), no que estudantes ou profesionais do audiovisual se centrarán en idear, gravar e posproducir unha serie, que será despois reproducida no transcurso do festival. Os interesados abonarán unha cota de 150 euros (inclúe aloxamento e pensión completa) e anotarse na web do festival. Como tamén o terán que facer aqueles que desexen participar nun mercado profesional no que creadores e creadoras poderán entrar en contacto coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación a nivel estatal que están apostando polos contidos dixitais.