A imaxe que nos queda do San Xoán na retina -e nos xornais- é a das praias cheas de plásticos e lixo. Pero tamén é unha escena cotiá trala celebración de calquera festa multitudinaria, especialmente se participan determinadas orquestras. O botellón forma parte xa da coñecida como Marca España porque é un fenómeno que percorre todo o estado como un lume sen control. Non é así nin en Portugal nin en Francia, polo que podemos adiviñar que se trata dun costume relacionado coa educación, talvez tamén coa autoridade e normas. Por unha banda, a xeración de tanta tonelada de lixo plástico non é un mero dano estético producido por unha cidadanía que non sabe celebrar doutro xeito, senón un grave atentado contra o medio ambiente, un efecto que o noso planeta non pode soportar moito tempo máis. Se o botellón se celebra na praia, parte dese lixo vai ao océano, prexudicando a fauna e, talvez algún día, aos humanos que comemos o peixe con microplásticos.
Tamén supón un innecesario gasto para os concellos, que teñen que reforzar a limpeza en horas extraordinariamente caras, que non se debe confundir coa creación de emprego. Persoal e mobiliario urbano desfeito polos alcohólicos. Pagámolo todos, e debemos reflexionar sobre el. Tamén afecta á hostalería, porque deixan de consumir nos bares de proximidade. As festas non se inventaron este século, e todos fomos de troula, pero non necesitabamos enchernos de alcohol para nos divertir, tampouco deixar salseiros de lixo tralo noso paso. Urxe tomar medidas transversais, en varios eidos, para erradicalo canto antes.