Os humanos provocamos a diario o innegable cambio climático, pero non todos toman medidas para protexerse del. Cada día o clima é máis agresivo, pero comportámonos co territorio de xeito máis rebelde: construímos barreiras que frean as augas que baixan dos montes, cidades impermeables con rúas empedradas ou cementadas, e sen zonas verdes permeables, afogando os ríos e incluso ata canalizándoos por debaixo do asfalto.
As árbores autóctonas que plantaron os avós retiñan a auga da choiva e favorecían unha flora arredor que diminuía o caudal e a velocidade da escorrenta; os eucaliptos e piñeiros non paran a auga da chuvia nas súas follas e favorecen a erosión do chan, dándolle paso a maior caudal e maior velocidade. Os incendios destrúen todo e permiten arrastralo monte abaixo, chegando ao mar. Aínda que non se diga, case todas as catástrofes teñen unha orixe urbanística ou de ordenación do territorio.
Non podemos botarlle a culpa á natureza se non a respectamos, se intentamos cambiar as súas leis. É un sistema ao que pertencemos e no que nos temos que nos integrar con respecto -como noutrora- se non queremos que se rebele contra nós, máis tarde ou máis cedo. Hai quen pon o grito no ceo cando non lle permiten construír preto dun río ou braña, hai quen constrúe ilegalmente e logo reclama. Hai irresponsables que cortan bosques autóctonos para plantar eucaliptos. A protección é unha cuestión ambiental, pero tamén garantía de supervivencia, e son as autoridades as que deben velar pola seguridade dos cidadáns prohibindo construír nesas áreas.