Calidade educativa

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

03 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días ía conducindo, no dial falaba un cargo público sobre a Educación. Debatía sobre un tema moi necesario, sobre os pactos que se deberían levar a cabo conxuntamente para acadar leis que velasen polos dereitos colectivos e que achegasen posturas. Eu, sen ser experta, observo as dúbidas que se producen cada vez que hai un cambio de goberno, o nerviosismo e os baleiros administrativos que xurdiron, por exemplo, da transición da antiga Selectividade á ABAU. Leis que xorden en quente, algunhas que parecen ás veces nada máis que cribados para que só uns poucos acaden a excelencia.

Semella, dende unha perspectiva allea, que as leis de educación son terreo conflitivo, a moeda de cambio para xerar controversia entre gobernos e oposicións, onde a prioridade é enfrontar posturas e xamais debater con criterio e serenidade sobre un dos piares fundamentais para obter xeracións futuras formadas nun sistema de calidade. Non me confundan, non falo de cores nin de partidos, falo dunha práctica xeneralizada que veño observando entre todas as siglas. Ás veces, as Cámaras semellan máis un espectáculo circense que un mecanismo de goberno e organización do Estado.

O lóxico e o democrático sería que houbese un certo e mínimo consenso á hora de tratar materias socias, tales como a Sanidade e a Educación, para obter a máxima calidade. Deixar especulacións e falsas barreiras ideolóxicas, nun momento político onde as liñas das dereitas e esquerdas están máis que difusas.

Quizais son unha moza que cre demasiado nas utopías. Pode ser porque eu entendo a política como un servizo puntual ao Estado e non como unha profesión vitalicia.

Tampouco se fíen, fala unha atea en política.