Hai unha canción que di que o tempo ensínanos que se ignora máis do que se sabe. É, dalgunha maneira, a ratificación daquela frase de Sócrates: «Só sei que non sei nada». Tamén é certo que, a medida que pasan os anos, un vai esquecendo cousas que xa tiña aprendidas. O caso é que andamos a tropezar unha ou moitas veces na mesma pedra. Ou é a rocha a que vén a tropezar connosco. Agora tócalle a Meirama, esa central térmica, mina e todo canto envolveron que nos anos 70 convertéronse nunha especie de icona da rebeldía da sociedade rural contra os intereses das empresas por ocupar un territorio dedicado durante séculos á pacífica agricultura e gandería. O tempo fixo mudar posturas con respecto á vida, á economía e á sociedade en xeral. De feito, di a mesma canción, que «o tempo ensina que a memoria é tan poderosa como o esquecemento». Un vello petrucio daqueles tempos botaba as mans á cabeza pensando que sería das súas leiras sen poder producir millo, trigo, centeo, patacas ou orxo. Sen poder acomedar o gando ou sen poder saír a cazar uns coellos nun domingo de outono. Non concibía aquel home que unha boa manchea de cartos o podía liberar das servidumes de sempre e buscar con comodidade outros horizontes e, incluso, outras maneiras de ocio. Corenta anos despois, a mina pechou, a central vai pechar e xa non hai vellos botando as mans á cabeza preguntando que vai ser do seu gando e das súas leiras de millo. O tempo ensínanos que ignoramos moito máis do que sabemos, por iso, habería que facer como aquel vello e preguntarse que vai ser do noso rural. Estamos ignorantes.