Volver ás orixes

Natalia Lema Antelo

CARBALLO

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos asolagados por axentes canceríxenos segundo os expertos, dende axentes naturais como o radon ata os químicos de abonos, praguicidas como o glifosato ou activos que se utilizan na industria da alimentación. Ata os tíckets da compra están sendo postos a exame polo Bisfenol-A, un composto que se impregna no papel térmico e que ten, ao parecer, consecuencias nocivas para o sistema inmunolóxico.

Quizais vivamos nunha época onde a esaxeración tamén prima, onde as avaliacións científicas non son concluíntes pero aínda así crean alarma social. O que é unha certeza é que a incidencia de cancro medra progresivamente xunto cos avances no eido médico.

O sector agrario ten o foco tamén neste aspecto. É época de abonos, e oxalá unha mínima parte dos quilos de fertilizantes que se utilizan fosen orgánicos ou de base natural. O total dos abonos utilizados teñen unha base moi similar, a química. O nitróxeno, o potasio e o fósforo son os ingredientes principais destes produtos.

Eu fago un chamamento a todas as persoas que nestes días de traballo están en contacto con abonos da industria: que utilicen equipos de protección individualizada. As mucosas non deben estar expostas en ningún momento. Exceptuando o traballo en maquinaria cerrada, son imprescindibles as luvas, unha funda preferiblemente enteira e unha máscara facial.

Outra aposta grande que debe reformular o rural debe ser volver ás orixes, non sinónimo de atraso, pero si de recuperación dos saberes de antano. O grande obstáculo dos abonos naturais ou orgánicos é que son máis lentos que os compostos de nitróxeno e que o custo é superior.

Haberá aínda que innovar moito máis nese eido, sen dúbida.