O outro día, nunha cadea de televisión privada, irritoume bastante a cobertura dun suceso tráxico. Tratábase dun asasinato sucedido nunha aldea galega por mor de lindes e marcos. Un caldo de cultivo idóneo para que sacar a relucir unha visión anticuada e alonxada da verdadeira ideosincrasia da cultura galega. Vas a quedar a comer en Galicia?, pregúntalle a presentadora con ironía ao reporteiro. Non creo, como moito un café e con présas, que os galegos teñen un temperamento quente, responde este. Un diálogo que resumo eu, aproximadamente.
Isto son basicamente clichés aficandos na mentalidade de certas persoas. Son tendencias a clasificar no mesmo saco a un mesmo colectivo, sen refletir verdadeiramente a realidade. Ou o que é o mesmo, son prexuízos sen coñecer a verdadeira socioloxía dun pobo. A ver se un día deixamos de pensar que a xente do sur é aberta como un libro e a do norte inhóspita, cerrada e desconfiada por antonomasia.
Non estamos xa nos tempos onde Lope de Vega desprezaba gratuítamente aos galegos coma se el fose unha deidade omnipotente. Claro que podemos aínda mellorar. Se cremos que os galegos teñen morriña e saudade, mellor será que non deixemos marchar ningún mozo que foxe por non encontrar traballo aquí. Xa que logo, se nos vén introvertidos e reservados, póñannos máis comunicacións coa Meseta, estradas e infraestructuras. Non quedemos coma sempre esperando a que non manden orzamentos coma se fósemos destinatarios dun plan Marshall que nunca dá chegado.
E vostedes, reporteiros de certa cadea televisiva, lean, infórmense por uns medios de comunicación sen sesgos. Nas demais Comunidades Autónomas tamén existen desavinzas cos veciños por lindes. Asegúrollo.