Desaparecidas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

19 ago 2019 . Actualizado a las 22:22 h.

Na miña casa sempre se falou de María José Arcos con moito apego. A familia Arcos era da Pesqueira tamén, un dos pobos que, xunto a Castrerón ou Ribeiro, quedaron asolagados polas augas do encoro.

Por estas datas, de tanta alegría e festividade de verán, meus avós sempre teñen un recordatorio triste sobre aniversario da súa desaparición. María José forma parte dunha perda dolorosa, constante, un ciclo que non se pechará ata saber que pasou aquel 15 de agosto de 1996.

Máis de dúas décadas despois, o que é indubidable é a ansia e a loita de súa irmá, a cabeza visible dunha familia que non esquece, que continúa buscando respostas tantos anos despois.  Será, seguramente, porque non hai nada máis triste que descoñecer o destino dun ser querido, ver pasar os anos amodo, cheos de ausencia, de angustia, unha vida non vivida. Unha puñada directa ao corazón da súa xente.

María José Arcos é un rostro de tantos e tantos desaparecidos que hai en España. Detrás dos seus nomes, familiares que sosteñen moitas veces no día fotografías do pasado ,como último vestixio dun amor que non entende de distancias.

O máis importante de todo é que os culpables de moitas destas desaparicións continúan ceibes, aí fora, cruzándose moitas veces con nós pola rúa. Persoas influíntes moitas veces, que se amparan na maldade, na neglixencia da Xustiza, na impunidade máis absoluta. Por iso, a importancia de non arquivar casos, de non pechar pequenas contras que poidan abrir o paso ás respostas das feridas aínda latentes. Ninguén se esquece de ti, María José. Os teus quérente os 365 días do ano.