O outro día, lía un artigo fermosísimo de Santiago Garrido neste mesmo espazo de opinión. Falaba dos sobreviventes que continúan cos ritos de antano, co legado dos nosos avós que cada día se esmorece máis. Falaba desas costumes que aínda quedan, tales como ir ao mato para estrar as vacas. Primeira lección para forasteiros e millenials, o mato sempre vai atado cun cabestro para que non marche do carro nas pendentes. Tamén é verdade que hai xente que aínda lle continúa dando auga quente ás vacas en baldes. Tes razón, Santiago. Segunda lección para persoas non versadas na materia: a auga temperase con auga fría e revísase a temperatura coa man, un termómetro infalible e totalmente calibrado. Terceira lección, admítese a combinación de verzas, tercerilla e millo escachado. Tamén sei, dende a perspectiva da palabra oral e a experiencia, que non hai nada máis especial ca ver o nacemento dun becerro. Cuarta lección señores: hai que limpalo sempre con pallas. Por último, que cada persoa se aperciba do seu esfollador persoal para a milleira, nin os fouciños nin os esfolladores se fan coma algún tempo, polo tanto son reliquias do pasado que hai que respectar.
Podería continuar, mais o meu é todo de oídas e olladas, así que prefiro non seguir facéndome a entendida nestes asuntos de protocolo. O mundo cambiou, os bebedeiros automáticos acabaron cos baldes de fibra negra e asas que cortaban a pel. As explotacións modernas teñen cemento, non estrume. As máquinas de ensilar fan que as espigas non se arranquen do cadolo. A miña dúbida é saber se nos facemos vellos ou nostálxicos dun pasado de traballos e esforzos.
Por certo, estes días de atrás, miña prima e eu fixemos na casa follados de mazá. Si, si, coma os de antes.