Enlagar é unha palabra que se di na Costa da Morte, entre a xente de máis idade. É unha acepción que me fascina, porque é enxebre a máis non poder. Unha palabra semellante asolagar, pero para nada sinónima. O outro día metéuseme na cabeza esa palabra a máis non poder.
Acudín ao Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués, ese recurso que nos aproxima as localidades onde se encontran certas incidencias do dicionario que ben non entraron na normalización lingüística ou ben son tan únicas que só abranguen a certas zonas. Todo isto moi laxamente explicado por alguén que de Filoloxía entende máis ben pouco.
O caso é que enlagar, que para min foi sempre meter o pé nun rego, nunha canle ou en vellas mortas (un tipo de lodo), ten unha relación directa co léxico do oficio do liño. Enlagar é meter o liño a remollo na auga. Tan simple e tan complexo á vez. Simple porque é unha palabra tan afianzada no léxico de Dumbría, Vimianzo ou Mazaricos e complexo porque se está esquecendo a orixe da palabra por mor da desaparición do cultivo e da tradición. Atrás quedan os traballos de nosas avoas para pisaren con bois o liño e poderen facer os camisóns, as almofadas e as prendas de vestir.
Convido á Asociación dos Amigos do Liño a que promocionen nas súas xornadas divulgativas esta palabra en desaparición, que se está perdendo na expresión oral de xeracións como a miña, entre outras moitas. Teño unha pequena lista de palabras propias da zona. A xente con formación debería facer máis estudos neste eido e nesta área xeográfica. De algunhas non se atopan incidencias rexistradas en toda Galicia ou en Portugal. É boa verdade que somos intrinsecamente únicos neste anaco de mundo.