Aniversario do «Himno Galego» na Habana
21 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Onte fixo 112 anos que se interpretou por primeira vez o Himno Galego, con letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga. Foi no Centro Galego da Habana e os estudantes de Ponteceso non perderon a ocasión de lembrar ese día e o fixeron con versos e son, como corresponde.
Unha das impulsoras da xornada foi a profesora Lorena Suárez, do instituto de Ponteceso. Dos poemas ocupáronse os alumnos Alejandra Ferreiro, Susana Martínez, Nicolás García e Joana Souto. Cada un deles, coa axuda da docente, escolleu un autor. Os elixidos foron Rosalía de Castro, Luz Pozo, Lois Pereiro e, por suposto, Eduardo Pondal. Deste insigne veciño de tódolos nenos pontecesáns seleccionouse A fala, por considerar que era o máis axeitado para unha celebración como a de onte.
Da música foron responsables os gaiteiros do Grupo Coreográfico de A Coruña, que tocaron varias pezas e remataron, como non, co himno, con Queixume dos pinos. Ademais desta peza, cantada por moitos dos presentes, tocaron a Foliada de tenorio, de Milladoiro.
O salón de actos do instituto estaba cheo de rapaces, do colexio de primaria e tamén do propio instituto. Ambos centros educativos comparten o nome de Eduardo Pondal con moito orgullo.