«O Parador representará á comarca»

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O fisterrán aínda está a cargo do Hostal en Santiago, pero quédanlle poucos días antes de pasar a Lourido

22 dic 2019 . Actualizado a las 21:05 h.

Julio Castro Marcote naceu hai 52 anos en Sardiñeiro (Fisterra). Forma parte da cuarta xeración de hostaleiros, a da Casa Lestón, fundada en 1917 polos bisavós.

Rematou Maxisterio e Turismo na Coruña en 1991. Traballou xa ese ano en turismo en Londres, en Eurodisney París no 92 (foi do equipo inaugural); en Berlín, no 93; en Tenerife, 94 e 95. No 96 regresou a Galicia para facer un máster de xestión de empresas turísticas, e en xuño (e ata hoxe) empezou en Paradores. Primeiro, como responsable de Eventos no Hostal dos Reis Católicos; no 98, subdirector; no 2000, director do de Vilalba na reapertura; no 2003, director no de Monforte; no 2004, abre e dirixe (xunto co anterior) o de Santo Estevo de Ribas de Sil, de dende xullo do 2008, director do Hostal. Tras once anos e medio nel, agora tócalle ser o novo responsable do da Costa da Morte, en Lourido (Moraime, Muxía).

-Que significa para vostede este cambio?

- É un orgullo que a Rede de Paradores confíe en min para un reto tan atractivo como ver nacer e poñer a andar un Parador na miña terra. Síntome unha persoa afortunada e sempre valorada pola empresa. Dende que entrei a formar parte do equipo de Paradores sempre me foron asignados retos moi importantes e atractivos e agradezo que teñan pensado en min para o que considero o reto máis importante de todos, que non é só inaugurar un Parador tan esperado, senón tamén ter a responsabilidade de axudar a impulsar o turismo na terra do Finisterrae, nunha das zonas costeiras máis atractivas e míticas do Atlántico Europeo, e que estou seguro que significará un antes e un despois para o turismo na nosa Costa.

-Esperaba ese cargo?

-Dende hai 17 anos xa consideraba que tiña moitas papeletas para dirixilo. Estiven na primeira visita de prospección por parte de Paradores días despois da catástrofe do Prestige, xa que se ía anunciar a construción dun Parador, como unha das medidas de impulso económico, estiven presente na colocación da primeira pedra no ano 2010, e era de esperar que poidese estar xa como recén nomeado director no acto simbólico de entrega das chaves. Cando o presidente de Paradores me comunicou que pensaba en min, acordamos os dous que sendo un reto tan importante eu tiña que estar aí.

-¿Que reaccións está tendo?

-Moi positivas por parte das institucións da zona, polo que temos a responsabilidade de demostrar que a decisión non estaba equivocada. Paradores confía plenamente no apoio da sociedade e institucións da Costa da Morte, e responderemos a este apoio cunha gran difusión deste destino. Xa somos conscientes da gran demanda que esta tendo polos turoperadores internacionais, e queremos convertelo dun dos referentes na rede.

-Xa bo é, porque foron moitos anos de espera.

-Foron moitos anos e, aínda que non é habitual, hai que dicir que unha vez decidida a ubicación, un lugar idílico en Lourido, tardouse moito tempo en acadar os terreos, houbo moitos cambios de Goberno e atravesamos unha gran crise económica dende o 2008, o que fixo que se retrasaran moitas decisións e orzamentos. Cónstame que o Concello de Muxía, na figura do seu alcalde Félix Porto e seu equipo, fixeron grandes esforzos durante eses anos para que vise a luz, e é algo que sen dúbida temos que agradecer moito toda a sociedade da Costa da Morte.

-No acto de «traspaso de chaves» falouse que terá moito contido da Costa da Morte. En que sentido?

-O Parador naceu como consecuencia do Prestige, que desgraciadamente significou a maior catástrofe ecolóxica da nosa historia. Por este motivo, o Parador, que acertadamente se ubicou a poucas millas de onde se afundiu, representará a toda a comarca afectada. Muxía é a súa ubicación, pero o parador é patrimonio de toda a sociedade da Costa da Morte, e o efecto positivo deste proxecto ten que selo para todos os que aquí vivimos. De aí que o primeiro que debiamos facer é bautizalo co nome de Parador da Costa da Morte, para que dende todo o mundo se saiba o que é este destino. Cando temos un destino con tanta lenda, tanto misticismo, tanta historia, tantos recursos naturais; tantas posibilidades, en definitiva, é fácil inspirarse para que o parador se poida converter nun contedor de toda a nosa terra. Todos se identificarán nel, e os visitantes descubrirán os nosos atractivos percorréndoo. Temos a responsabilidade de facer que os nosos hóspedes e visitantes non marchen sen coñecer os atractivos da nosa terra.

«Para min é o reto máis importante de todos, e tamén unha responsabilidade»