![](https://img.lavdg.com/sc/xNZ4-e09EU7O1Fo5A_oQJiYWhzU=/480x/2020/03/22/00121584899223326498282/Foto/CM23C4F3_3.jpg)
Os Resentidos regresa aos escenarios con novos temas que agardan presentar por varias vilas galegas
23 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A crise do coronavirus causou importantes efectos no ámbito cultural. Con cancelacións de concertos, festivais e presentacións. Neste último caso, está o grupo Os Resentidos, que tiña previsto iniciar unha xira para dar a coñecer os seus novos temas. Tras adiar os recitais na Coruña e Vigo, os prazos irán marcando un regreso que moitos fans agardan. «O de Os Resentidos é moi ecolóxico porque é tamén un labor de reciclaxe. Despois de moitos anos volvemos á escena, pero con temas novos», comenta Antón Reixa.
-Moitos anos sobre o escenario. Tamén un parón. E agora abren unha nova etapa. Como a encaran?
-Volvemos fundamentalmente porque xurdiu esa chispa de facer novas cancións. Normalmente, os grupos cando se disolven é porque discuten por pasta ou porque están queimados. No noso caso, no ano 94 levabamos máis de 120 cancións feitas e démonos conta de que xa non había nada que facer que nos sorprendera. Agora, coa recarga e cos novos membros, volvemos aos escenarios. O rock&roll é o mellor que nos pasou nas nosas vidas e queremos prolongalo. Iso si queremos saber quen é o noso público. Imaxino que estarán os que nos coñeceron na nosa época, pero tamén unha segunda camada que nos lembra do club Xabarín. E logo os máis novos que non nos coñecen, pero esperamos espertar o seu interese. Na formación actual hai tres fundadores da banda. Dalgunha maneira é un ecorretorno porque reciclamos unha gran parte do noso repertorio. Aínda que tamén engadimos cancións novas e tamén novos músicos. Así dalgunha maneira síntome moi ecoloxista eu tamén por iso.
-Nesa declaración de ecoloxismo que fai, ¿que inclúe?
-Trato de facer todo o mellor posible. O de reciclar, en ocasións, non é o doado que debería porque tes que percorrer algunha distancia para chegar ao cubo que recolle o lixo. Pero si que trato de facelo. É curioso que un dos problemas do noso tempo sexa o do lixo e a cantidade de residuos que xeramos. A verdade é que eu son dunha xeración que foi medrando con todo isto. E tamén é un paradoxo lembrar cando comezamos a falar dos sprays e dos seus efectos sobre a capa de ozono. Parecía un conto fantástico e a realidade xa nos di que non o é. A arma máis poderosa é o coñecemento. Sempre hai que estar aberto de mente para saber que hai moito que facer.
-E o seu arredor, ¿que comportamentos se dan?
-Eu vivo en Oleiros e aquí hai bastante recursos para poder aportar o noso grao de arena. E si noto que as cousas van cambiando.