López Abente, o maior poeta do mar, agora tamén o será da Rede

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

RAMON CAAMAÑO

A memoria do intelectual perdura na súa vila natal e musa literaria, Muxía

25 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O maior poeta do mar, segundo Vicente Risco; un namorado dos silencios de Muxía, de acordo coa necrolóxica escrita por Ramón Otero Pedrayo. Memoria e legado de Gonzalo López Abente, principal expoñente literario muxián, permanecen aínda vivos na vila da Barca, á que tanta obra ten dedicado ao longo da súa extensa traxectoria. Abente naceu tal día coma onte, 24 de marzo, hai 142 anos, unha efeméride que aproveitou a Real Academia Galega para liberar as composicións do autor e poñelas a disposición dos lectores a través do Arquivo Dixital de Galicia.

Será un paso máis para a divulgación da obra dun literato comprometido, implicado e loitador, que formou parte das Irmandades da Fala, así como do Seminario de Estudos Galegos, e a quen lle foi dedicado o Día das Letras Galegas no ano 1971.

A fundación que leva o seu nome, creada no 2011, loitou pola posta en valor do traballo de Abente promovendo o seu estudo na escola, editando a súa obra, creando un premio literario na súa memoria e mesmo impulsando iniciativas como o Roteiro Abentiano, que tivo lugar na vila hai escasos meses.

«Trátase dunha figura importantísima para a Costa da Morte, e a súa memoria segue moi viva, por exemplo, entre os que temos entre 40 e 50 anos e tivemos a sorte de toparnos co mestre Xoán Babarro, que nos ensinou galego nos últimos anos do franquismo e que nos introduciu a súa obra», comentaba onte Xesús Sambade, membro da Fundación.

Ben sexa a través de unidades didácticas, de doazóns aos centros educativos da súa obra ou de diferentes actos conmemorativos, o certo é que Muxía foi saldando a súa débeda histórica cun autor cuxa paixón literaria lle viña xa de sangue, pois estaba emparentado co bardo Pondal.

Abente, único varón de seis irmáns, era fillo dun capitán da mariña mercante e neto do médico laxense Leandro Abente. Aos 9 anos partiu cara a Santiago de Compostela para estudar o bacharelato e a carreira de Dereito, pero acabaría volvendo á súa vila natal para exercer de xerente do Banco Pastor e de xuíz de paz, un cargo que lle sería arrebatado durante a represión franquista dado o seu compromiso galeguista e republicano. Arredor do ano 1913 publicaría o seu primeiro poemario, Escumas da ribeira, inspirado no tráxico amor coa súa esposa, falecida no momento de dar a luz.

Comprometido coa lingua e namorado do mar, Muxía serviría non só como escenario do seu pensar, senón como inspiración para boa parte da súa creación.