Poesía de amor

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

17 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Apoesía volve a estar de moda. En realidade, igual nunca o deixou de estar. E máis neste tempo no que a epidemia nos ten prisioneiros. Nos momentos de crise é cando esta arte adquire máis sentido aínda, porque é como un faro, un guieiro, un refuxio ou un adaxo para a felicidade cando todo o demais semella derrubarse. E con tanto tempo para ler por iso do confinamento, un acaba por mergullarse no último libro do fisterrán Modesto Fraga, se ben aínda novo, un veterano soldado do Batallón Literario da Costa da Morte, un reservista de primeira orde. Corenta e cinco pezas de amor. Poesía amorosa escollida, en galego e en castelán, unha manchea de poemas ferventes, inzado de sonetos acendidos. É difícil que un libro poida desprender tanto amor. Nada máis axeitado para viaxar «neste absurdo vagón de soidade» do coronavirus. Un poemario moi útil para saber «canto custa instalarse no amor» e cheo de versos universais e de palabras que poden queimarte coma un lume aceso, ou navegar nun mar de paixón. Son páxinas cargadas de soños, amores, ardores, desamores, oasis, desertos, esquecementos e lembranzas. A poesía debeu nacer do amor ou creala un namorado. Este libro de Modesto Fraga é, en realidade, un método para aprender a amar profundamente, ata que o ceo dea volta coa terra. Cando este sacerdote da fisterranía me entregou este pequeno tesouro, un peregrino camiñaba pola beira da praia de Langosteira cara o último balcón de Occidente. Ese lugar ao que o autor sempre lle manifestou ese outro amor, espiritual e tenro, a unha terra que tamén é unha idea. Ese espazo «para acougar a ausencia».