«Xusto cando unha idea creativa asoma o seu maxestoso voo, o disparo cegador dunha pantalla fulmina o seu potencial», di Rosalía Fernández Rial
03 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.
«Esperar é o propio de toda evolución, ben sexa a xestación, ben a puberdade, ou a colleita e a vacilación durante o acto creativo. ‘O titubeo antes do nacemento’, chamouno Franz Kafka».
Andrea Köhler. El tiempo regalado. Un ensayo sobre la espera.
Na sociedade do inmediato, o horror vacui transita do espazo ao tempo e ocupa, até ateigalo, calquera momento de agarda. Antes de que chegue a persoa citada, nada máis erguernos ao viaxar, nas estacións de transporte público, atrácannos as notificación, pum!, balas letais contra a expansión do pensamento.
Xusto cando unha idea creativa asoma o seu maxestoso voo, entre o amencer da lucidez -pum!-o disparo cegador dunha pantalla fulmina o seu potencial. Cantos versos, escenas ou proxectos foron mutilados dese xeito? Como chegarían a brillar se non se accidentasen?
Sen espera non hai evolución. O movemento nace do repouso, igual que o silencio outorga sentido á música. Nada madura de repente. Por moito que teimemos en premer aceleradores, hai circunstancias que nos obrigan a frear. Mais case ningunha así, coma esta, á poboación enteira ao mesmo tempo. Case ningunha detendo o ritmo mundial de maneira forzada; confinándonos, retándonos, parando a normalidade. Pause.
Todo o que trouxo esta pandemia foi negativo. Todo menos a agarda: a tregua para o cambio climático, o convite a cuestionarnos, o intervalo onde soster a reflexión. O lapso que nos devolve a perspectiva e nos obriga a valorar o verdadeiramente importante. A vida, as artes, o amor aos demais.
Apreciamos o imprescindible só cando periga. Que contradición! Mais non é a contradición inherente ao ser humano, á natureza, á existencia mesma? Sen unha balanza que vaia equilibrando contrarios xamais habería termos medios, nin sequera opcións diferentes, nin a vertixe, atractiva e ameazante, dos extremos.
A miña relación coa corentena susténtase, precisamente, na práctica equilibrista de igualar termos opostos entre si. Neste tránsito textual da dimensión colectiva á individual achegarei concrecións que ilustren as abstraccións e xeneralidades anteriores, en congruencia cos paradoxos expostos.
O ensino presencial
Empezando polo ámbito educativo, o mesmo motivo que interrompeu a actividade que considero máis importante para o desenvolvemento das persoas, o ensino presencial, permitiume rematar un ensaio sobre ese mesmo eido no que levaba moito tempo traballando. Explícome: despois de publicar Aulas sen paredes, unha investigación moi densa e experimental, por nacer dunha Tese, continuei investigando na mesma liña, en acción, dentro das aulas, pero escribindo a teorización dun xeito máis divulgativo e literario.
A intensidade de indagar en momento presente, no desenvolvemento dos acontecementos, non sempre deixa o tempo preciso para elaborar o seu relato. Por iso hai que sumarlle vacacións, fin de semanas, veráns e, agora, por primeira vez, un confinamento total que me permitiu pechar un libro que empecei hai catro anos. Así, cando máis boto de menos ao alumnado, porque non compartimos espazo real conxunto, e o telemático nunca é igual, permanece por completo presente na análise de cada material que elaboramos.
Cambiando de paradoxo, no que atinxe á escrita creativa e á actividade artística, esta situación deixou ás portas da imprenta o meu último libro de poemas, que estaba na súa penúltima maqueta e que ía saír ás rúas no mes de marzo. Iso sempre produce inquietude, porque a cabeza creativa está xa en próximos proxectos. Mais permitiume revisar con moita calma as probas, repensar as posibilidades escénicas dese traballo, así como a súa dimensión audiovisual e interdisciplinar.
Finalmente, tanto tempo na casa fíxome recuperar a música, en especial ensaiar de novo o acordeón, que empezara a tocar de nena e que a falta de tempo e o exceso de traballo nos últimos anos me impediran practicar coa regularidade anterior. Recordei, entón, que concentrarse na interpretación musical é o máis parecido a pasear sen saír da casa, igual que os filmes e libros que me acompañan agora aquí, entre estas catro paredes.
Dóeme o sufrimento alleo, boto moito de menos a familiares e amigos, os espectáculos, o mar, a praia, o colexio, a bicicleta, os museos e os teatros. Pero poñer o foco na agarda, sitúanos na dimensión do potencial, do que podemos cambiar e mellorar cando isto remate, porque acabará, e precisamos saír máis sabias e solidarias. Por iso desexo que esta espera nos sirva para evolucionar, crear, repensar, cuestionar e -por que non?- renacer. Con menos notificacións e máis tempo para a reflexión, o amor, as artes e a vida.