Ecoloxía

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

07 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Omeu primeiro contacto coa ecoloxía foi a través do manual de Ecoloxía humana de Amos Hawley, do que me empapei en 1983, un verdadeiro catecismo para o profesor Manuel Gallego que fai unha aproximación ecolóxica aos problemas do home, relacionando a organización social e a súa adaptación ao medio no que habita. Aínda que non o pareza a primeira vista, o urbanismo é unha ciencia que relaciona o ser humano coa ecoloxía, e só os que fixemos a carreira urbanística tivemos a oportunidade de ter esa perspectiva.

A estrutura capitalista que dirixe as nosas vidas fainos ter outra visión da ecoloxía e dos ecoloxistas: a de seres marxinais que poñen trabas ao progreso da sociedade, asociados con xente moza e inexperta, xeralmente con ideoloxía de esquerdas. Chegamos a confundilos con grupos de apoio a partidos políticos de ideoloxía socialista ou comunista.

Nada máis lonxe da realidade. Afastando aos individuos en si, a ideoloxía ecoloxista é a que mira por un crecemento acorde co medio, respectuoso e sustentable, sen ter que enmarcarse na esquerda ou na dereita.

No que vai de século XXI, as cidades europeas foron transformándose en urbes verdes e sas, gañando en calidade de vida. A pandemia foi a puntilla para cambiar a verde a visión das nosas vilas e cidades, e nas recentes eleccións municipais francesas Os Verdes fixéronse coas principais cidades galas, incluída a capital.

Lonxe das anticuadas discusións sobre o modelo de dereita ou de esquerda, os novos cidadáns apostaron pola ecoloxía, pola saúde do hábitat. O modelo de crecemento xa é inseparable da cor verde.