O amor é un tema serio

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As bolboretas que unha sente cando coñece a alguén especial son equiparables á maior enerxía nunca antes descuberta na Terra. O amor é, por iso e máis, o sentimento máis poderoso que existe, moito máis ca a xenreira ou o odio.

O equívoco é pensar nese discurso anticuado e obsoleto sobre a media laranxa e o amor eterno que nos levan vendendo con mensaxes subliminares e ás veces de todo explícitas. Coido que na vida pódense achar diferentes tipos de quereres, sería impensable concibir que un amor durase décadas coa mesma intensidade.

O problema máis frecuente é estar enganchado a unha persoa tóxica e pensar que o mundo se acaba cunha relación que xa chegou ao seu solpor. Por este motivo, cando descobres moitas veces que hai un universo cheo de sensacións por descubrir máis aló do que levas coñecido, é unha auténtica liberación.

Hai moitos homes que non aceptan que os amores nacen, desenvólvense e morren, nada máis que deixando unha estela de apego polos momentos vividos. O vinte e cinco de novembro conmemórase o Día contra a Violencia de Xénero, o recordatorio fiel a tódalas mulleres que perderon a vida asasinadas. Tamén é, asemade, a homenaxe ás superviventes, aquelas que lograron escapar dos seus verdugos fortalecidas.

A liberdade de alguén remata onde comeza a liberdade da persoa que ten ao seu lado. Ninguén ten a potestade suficiente para arrebatar o dereito máis fundamental de calquera: o dereito á vida. Por desgraza, as mulleres en xeral enfrontámonos diariamente a unha violencia máis disimulada pero igualmente ferinte: a brecha salarial, os teitos de cristal, a displicencia ou o paternalismo máis tupido por parte dos nosos non conxéneres.

O amor é un tema moi serio para denostalo con odio.