Cuestión de máscaras

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

21 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte sentinme coma a maior delincuente que puidese existir. Saín do coche tan ensimesmada que non levaba a máscara posta. Curiosamente, apenas había xente pola rúa, así que, tal e como me pasa cando non sei se levo gafas, palpei a miña cara. Xa me podiades ver correndo con ansia. Sentinme verdadeiramente mal, cun acto de mero esquecemento. Penso que se podería elaborar un estudo antropolóxico sobre a sociedade a través dos seus tapabocas. Aos humanos gústannos as etiquetas, ten que ser. Chega con ver a diversidade de cores, escudos, bandeiras e emblemas que se empregan nelas. Queremos que a nosa carta de presentación sexa o anagrama da nosa empresa, o logo do noso partido político ou as bandeiras que, coma sempre, só serven para marcar esas liñas imaxinarias chamadas fronteiras. Xa dicía miña avoa que o caso é campar sempre. Velaí, a súa razón inescusable. Que pouco importa que a máscara sexa cómoda ou transpirable, efectiva ou non homologada, o caso é que vaia personalizada, ben sexa pola imprenta do lado, polo bazar da esquina ou a nosa prima do terceiro que ten máquina de costura e teas de sobra. Nin no medio dunha pandemia somos capaces de concordar que é unicamente un método de protección e non de márketing ideolóxico. Hai algúns expertos que din que, se todo isto se acaba, a máscara sería un bo complemento preventivo aínda que non exista pandemia. Preocúpame que existan persoas que consideren normal usala para sempre. Para min é algo eficaz e necesario para situacións de extrema necesidade como a que vivimos, non un cacho de polímeros que levar na boca toda unha vida. Estamos tan mal que, cando vexo Netflix, censuro aos actores por non levala! Que trauma nos está causando.