A marca da saúde

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Hai recordos férreos que unha garda na memoria coma prezados anacos do denominado pasado. Cando era pequena, adoraba perderme entre os rizos crechos da cabeleira de miña nai e trazar coas xemas dos meus dedos a cicatriz que garda no seu ombreiro dereito.

Moito tempo despois, souben que había toda unha xeración de pais que gardaban a mesma marca, un pequeno cráter circular. A maioría destas marcas corresponden á vacina da tuberculose cuxo efecto reactivo xenera unha pequena úlcera no lugar de aplicación, dando orixe a milleiros de marcas semellantes.

España deixou a partires dos anos setenta e oitenta de vacinar a todos os nenos, coa baixada paulatina dos casos. Agora, coa crise do coronavirus, demóstrase unha menor prevalencia da letalidade nos países que continuaron administrando a vacina BCG, tales como Xapón ou Dinamarca. Dato que certifica, por unha banda, a relación complementaria entre vacinas. O noso país aínda ten unha media de 4000 casos de tuberculose ao ano, con diagnose. Moitos deles pasan desapercibidos.

Eu penso que é totalmente normal que teñamos reticencias sobre elas. Non seríamos humanos se non tivésemos medo e se non desexásemos egoistamente que outros probasen os efectos antes ca nós. O que resulta abraiante é o movemento negacionista que vén de antano, o discurso mediocre de que atentan as vacinas contra o dereito de libre elección de cada quen. Esquecemos con moita facilidade que é unha cuestión de garantía sanitaria colectiva e que a liberdade de cada un de nós remata onde comeza a liberdade do noso conxénere. Eu non quero máis Lidias Senra que me representen no me nome nas Cámaras europeas. Eu quero que as evidencias científicas refrenden a saúde pública con datos e feitos.