Este colexio de Cerceda triunfa nas redes sociais pola súa campaña para defender o galego

Caterina Devesa CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ana garcia

Os actores David Perdomo e Touriñán, e os escritores Ledicia Costas e Miro Villar, entre outros, xa firmaron a petición que os alumnos do CPI O Cruce iniciaron en Change.org para que a lingua galega sexa oficial en Europa

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Implicados e moi activos. Así son os alumnos do CPI O Cruce de Cerceda, escola embaixadora da UE, e líderes dun proxecto que persigue que o galego sexa recoñecido lingua oficial a nivel europeo. A iniciativa, que parte dos estudantes de cuarto de ESO, xurdiu nas aulas. «Estaban nunha clase de galego comentando coa profesora, Amelia Rodrigues, a celebración do Día Internacional da Lingua Materna [hoxe, día 21 de febreiro], e de aí, preguntándolle á mestra, descubriron que o galego non está recoñecido como lingua oficial en Europa», explica a directora do centro, Gema Castro.

Ese feito non lles pareceu nada ben aos rapaces, a maioría deles galegofalantes. «Moitos teñen un medo real a que a súa lingua desapareza. Ademais, comentaban que non entendían que o inglés si sexa lingua oficial, cando Reino Unido xa abandonou a Unión Europea, pero razoando despois decatáronse de que tamén é a lingua de Irlanda e de Escocia, e a segunda de Malta. Tirando dese fío, e vendo que en Malta hai uns cincocentos mil habitantes e a súa lingua si é recoñecida, non entenden porque o idioma de Galicia, con case tres millóns de poboación, é excluído a nivel europeo», recalca.

A partir de aí, os alumnos decidiron facer algo para darlle ao galego o lugar que se merece en Europa e concienciar á xente de que non hai ningún idioma con máis prestixio ca outro. «Aínda hai moitos prexuízos e hai que loitar contra eles para defender a nosa lingua, porque do contrario pode desaparecer nuns anos», apuntan Blanca Varela e Noemí García, estudantes do centro, que pensan que a xente non é consciente do perigo real que corre o galego. «Se a sociedade fora plenamente consciente de que o galego pode extinguirse, pensamos que o usarían máis, pero para iso hai que concienciar a todos e cambiar moitas cousas. Hai quen sigue pensando que é unha lingua de campo, ou do rural, e todas as linguas son para todo. Ademais é unha lingua superbonita e deberiamos estar orgullosos dela», recalcan as alumnas.

Más de 3.000 firmas

Para dar a coñecer a súa iniciativa os rapaces decidiron poñer en marcha unha campaña en change.org. «Debido á pandemia, como non se poden facer moitas cousas a nivel presencial con grupos de xente polas restricións, pensamos que o mellor era usar Internet. Ademais é unha forma de dar a coñecer a todos a nosa iniciativa», explican as mozas, que cren que hai moitas cousas que cambiar en canto ao galego. «Se vas á Coruña a mercar ao centro comercial xa todos falan en castelán, despois, nos medios de comunicación e na cultura, a lingua predominante tamén é esa e o galego queda de lado. Fan falta máis espazos na nosa lingua», subliñan. Na páxina creada para recoller firmas a favor do galego, os alumnos fan referencia a unha famosa cita de Castelao: Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma. «O galego está en proceso de substitución tal como alerta o último informe do Consello de Europa e por tanto temos a obriga de protexelo», recalcan.

Agora están moi satisfeitos do resultado da súa medida na rede, onde xa levan máis de 3.100 firmas. «Non agardabamos ter tanta repercusión. Iso demostra que a xente si se vincula se coñece a problemática real da lingua. Estamos moi orgullosos», comentan as rapazas, que recalcan que o obxectivo tamén ten en conta ao resto de idiomas cooficiais en España. «Igual que o galego, o catalán e o vasco tampouco están recoñecidas en Europa. A UE xa lexislou sobre o tema, mediante a Carta europea para as linguas rexionais e minoritarias do 1992 (ratificada no 2001), pero agora debe dar un paso máis na protección destas linguas e recoñecelas como oficiais dentro dos seus propios organismos: é dicir, debe dar exemplo», sinalan,

Entre os que xa asinaron están persoas recoñecidas no mundo da cultura como os escritores Ledicia Costas, Helena Villar Janeiro e Miro Villar, ou actores como Touriñán e David Amor.

Escola embaixadora da UE

Máis alá desa campaña, os estudantes levaron a cabo outras actuacións como escola embaixadora do parlamento Europeo, entre as que está a instalación dun punto de información no colexio. «O noso papel é darlle a coñecer a poboación todo o que se trata no parlamento europeo. Agora estamos facendo varios proxectos en vídeo en catro idiomas, inglés, galego, castelán e francés, e fixemos un folleto sobre a campaña para difundila en redes sociais. Tamén fixemos traballos para conmemorar o Día da Muller na Ciencia».