Susana López, secretaria xeral de Igualdade: Nin un paso atrás na loita da Igualdade

susana lópez abella SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE

CARBALLO

SANDRA ALONSO

Plumas con mando | As mulleres galegas de hoxe aprendemos dos consellos e do saber das nosas avoas

07 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo do Día Internacional da Muller, o 8 de Marzo, quero facer unha reflexión sobre a necesidade de seguir traballando sen dar nin un só paso atrás, na loita pola igualdade real.

Unha historia de mulleres

Foron e son moitas as mulleres que fixeron e fan posible a Galicia de hoxe, xa que a nosa historia é unha historia de mulleres; mulleres que apostaron por ver crecer a Galicia; mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e nos ensinaron a todos e a todas o valor da nosa terra. As mulleres galegas de hoxe, aprendemos dos consellos e do saber das nosas avoas, das nosas nais e das nosas mestras. Ensináronnos ben, moi ben, por iso hoxe as mulleres afrontamos o presente e o futuro con valor e determinación, seguras de nos mesmas.

O 8 de Marzo é un día de recordo e de recoñecemento ao legado da coraxe, sabedoría e independencia que nos entregaron as nosas pioneiras e temos a responsabilidade de transmitir esta herdanza ás novas xeracións.

Galicia é máis grande grazas as súas mulleres. Tamén a Costa da Morte. Mulleres traballadoras, profesionais, imparables, mulleres sen medo a nada nin a ninguén, mulleres que deron e dan o paso na investigación, na industria, na tecnoloxía, no emprendemento, na sanidade, na ciencia, na universidade, na innovación, no mar, no rural, nas artes, na cultura, na comunicación, no medio ambiente, no deporte… As mulleres innovamos por Galicia. Porque as mulleres temos o poder de crear, de transformar o mundo que nos rodea.

Ao longo da historia, foron moitas as mulleres que, dende diferentes disciplinas, crearon algo novo, sendo visionarias, sendo referentes... Impuxéronse fronte aos obstáculos, superando as diferenzas de acceso á formación, ao mercado laboral, superando a invisibilidade.

Futuro feminino

Talento, capacidade para entender e desempeñar algo. Porque son moitas as mulleres que amosan a súa valiosa pegada na sociedade. O desigual acceso das mulleres a unha formación non foi impedimento para que moitas destacaran polas súas habilidades, polo seu liderado ou polo seu enxeño. Futuro, aquilo que está por vir. Porque as mulleres somos conscientes da importancia de avanzar no mundo creando conciencia colectiva e cambios na estrutura social. As mulleres, coñecedoras e conscientes da importancia de avanzar representan, sen dúbida, un papel fundamental no cambio. Arríscanse por construír un presente máis libre, tolerante, ecolóxico e diverso.

0 8 de Marzo é un día para alegrarnos polos pasos dados cara a unha sociedade galega máis equitativa, máis cohesiva e máis competente. Que é capaz de vivir con máis igualdade as diferenzas que existen entre as persoas, as cales nos axudan a ver e comprender os matices que nos enriquecen. Pero, igualmente, é un día para mirar ao futuro e reflexionar sobre os retos e as metas, que aínda nos quedan por abordar. Porque o futuro pertence a quen cre nos seus soños e a maneira máis efectiva de facelo é facelo.

Acadar éxitos, conquistar espazos e ser precursoras do futuro.

Grazas a todas por ser a forza transformadora e de cambio máis importante da sociedade. Felicidades a todas as mulleres da Costa da Morte e de toda Galicia: ás de hoxe, ás de onte e ás de mañá; ás destacadas, as que non o foron, pero o son; ás que alcanzaron nas súas vidas boa parte de canto queren e ás que aínda non o conseguiron.