Perdón

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

19 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coido que pedir perdón é un acto de fe. Dende que somos pequenos, ensínannos as palabras de referencia para poder chegar a ser persoas de ben: por favor, grazas e perdón. Das tres, a máis difícil é sen dúbida a terceira. Pedir perdón non é un acto banal, constitúe un berro seco que emerxe da conciencia e vén sendo un exercicio de xenerosidade ben grande.

A meirande parte das veces, pedimos perdón e as palabras non chegan aos nosos ollos, dicímolo sen apenas crelo. Outras veces, enganámonos a nós mesmos e pensamos que o perdón é algo sinxelo ata que rebentamos e descubrimos que o rancor e a ira son dous sentimentos o suficientemente poderosos para lograr destruírnos. Esta semana, solicitei perdón sincero, quizais como nunca o fixen. Chegáronme as palabras aos ollos e estes volvéronse húmidos co único fin de intentar emendar todos os erros cometidos. A persoa á que me remito, le esta columna todos os luns puntual. Ás veces, saca do moble un subliñador fluorescente e vai sinalando as partes que máis lle gustan ou aquelas nas que difire. Acotío, é o meu mellor crítico e naquelas posturas nas que me manteño ríxida e inflexible é capaz de darme outra perspectiva que me abraia e me enriquece de sobremaneira.

Quen ten un amigo, ten un tesouro, din os vellos. Non vaia ser que por caprichosa e ególatra vaia perder eu ao meu. Por todo isto, entoo o meu propio mea culpa, con tres golpes no peito e coa maior das sinceridades posibles. Espero con ansias que leas este artigo, namentres lle quitas a tapa ao teu subliñador e se che debuxa ese sorriso cohibido pensando no tola que estou. Oxalá penses que é posible emitir o agasallo do perdón e poidamos volver comentar centos de artigos coma este.