A Costa da Morte, paraíso para a vida

Xoán Fontaíña Pérez

CARBALLO

BASILIO BELLO

No Esteiro do Anllóns téñense rexistrado ata 289 especies de aves. Esta comarca atesoura unha gran biodiversidade e xeodiversidade, que entre todos temos o deber de conservar para as xeracións futuras

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Area Maior, nos Muíños en Muxía, xa hai tres decenios, foi o primeiro contacto que tiven coa Costa da Morte, despois dunha viaxe que se fixo eterna no Celta, e iso que xa estaba afeito ás 72 paradas que había nos 62 quilómetros que separaban Santiago de Ribeira, a miña vila de orixe. Pero é que, daquela, o autobús, ademais de transportar á xente, facía un servizo esencial de mensaxería.

Naquela praia, a onde acudían nenos e nenas dos concellos do interior da provincia da Coruña a pasar unha semana de campamento ao lado do mar, foi onde descubrín esta vocación de educador ambiental e divulgador do noso patrimonio, que ao final se converteu na miña profesión, e mediante a que me gusta transmitir, a todo aquel que queira escoitar, a importancia de conservar o noso medio. O entusiasmo daqueles nenos e nenas era contaxioso cando descubrían entre a area da praia un «dente de elefante» ou cando nas saídas nocturnas levantaban á «avenoiteira», unha descoñecida ave que se mimetiza co chan ou cando descubrían unha manchea de estrelas nun ceo, aínda con moi pouca contaminación lumínica e que hoxe en día é cada vez máis difícil de observar.

A escribenta das canaveiras, con só 20 parellas en Galicia, ten nalgunhas zonas húmidas da Costa da Morte un dos últimos lugares de cría.
A escribenta das canaveiras, con só 20 parellas en Galicia, ten nalgunhas zonas húmidas da Costa da Morte un dos últimos lugares de cría. .

Despois, pouco a pouco, fun descubrindo e coñecendo sitios marabillosos como a Ría de Lires e o litoral que desde as frías augas de Nemiña nos achega ao punto máis occidental da España peninsular, o Cabo Touriñán, e aos espectaculares coídos da praia de Moreira.

Tamén a espectacular costa de Cabo Vilán, onde subsistían, como se fosen os últimos mohicanos, as derradeiras parellas do «arao dos cons», unha ave mariña que na década dos 60 do século pasado criaban en Galicia máis de un milleiro de parellas e da que, hoxe, xa é cuestionable a súa supervivencia como reprodutora na nosa costa. Ademais da súa espectacular paisaxe granítica, coas fermosas praias da Balea, a Raeira ou Trece co cemiterio dos Ingleses, destaca porque acolle especies de flora únicas, algunhas escasas e moi ameazadas, e outras emblemáticas, como a «camariña», que da nome á vila, e que nesta costa alberga as súas mellores poboacións en Galicia.

Outro lugar emblemático que tiven ocasión de coñecer dunha forma moi especial foron as Illas Sisargas, onde fomos cun pequeno grupo de nenos e nenas de Malpica, e onde ademais de descubrir numerosas aves mariñas que teñen alí un excelente refuxio para criar, tivemos ocasión de facer unha visita ao seu faro, guiados por un dos últimos fareiros da illa.

Aínda que logo me acheguei en numerosas ocasións, a primeira vez que camiñei polo tramo de costa que vai desde Laxe ata Arou, por Soesto e Traba foi baixo a luz da lúa chea dunha noite do mes de agosto, nunha saída nocturna que desde logo te pon en contacto coa natureza dunha maneira moi especial e que te permite descubrir aspectos dos que nunca te decataras, como os pescadores de robaliza que largaban as súas canas no medio da noite nunha praia completamente baleira. Este tramo de costa acolle unha zona húmida de grande interese ambiental, a lagoa de Traba, no que aínda se reproduce unha das aves máis ameazadas de Galicia, a escribenta das canaveiras, que se encontra en perigo de extinción despois de sufrir nas últimas décadas un importante declive nas súas poboacións.

Remato esta pequena viaxe, nun espazo emblemático ao que lle teño un especial aprecio pola espectacular conxunción entre paisaxe, diversidade de fauna e flora e a riqueza etnográfica e cultural, o Esteiro de Anllóns, o suave tránsito entre as augas do río e o océano Atlántico. Este espazo, coñecido tamén como Enseada da Insua, destaca especialmente pola súa importancia ornitolóxica, tratándose do espazo natural de Galicia onde maior número de aves se teñen rexistrado, chegando ás 289 especies. Algunhas delas crían neste lugar como o esquivo «rascón de auga» que ten aquí a maior poboación reprodutora de Galicia ou a ameazada «píllara das dunas», pero a gran maioría visítannos nas súas viaxes migratorias, especialmente no paso de outono e tamén, aínda que menos, no de primavera, producíndose nestes momentos importantes concentracións de aves, especialmente de limícolas, que encontran no esteiro un magnífico lugar para alimentarse e descansar nas súas longas viaxes migratorias. Ademais é un dos mellores lugares da península Ibérica e da Europa continental para ver aves procedentes de América do Norte que chegan ata aquí arrastradas moitas veces polas borrascas do Atlántico, e das que se ten rexistrado a presenza de 26 especies.

Moitos destes espazos cando os visitei por primeira vez carecían de figura de protección algunha, pero hoxe, afortunadamente, forman parte da Rede Natura 2000, un conxunto de espazos naturais que pretenden protexer aqueles hábitats e especies máis ameazados da Unión Europea e por tanto, axudar a preservar a riqueza natural do noso continente. Paradoxalmente, a Costa da Morte é un paraíso para a vida, que atesoura unha gran biodiversidade e xeodiversidade, e que entre todos temos o deber de conservar para as xeracións futuras.

DNI. Xoán Fontaíña. Natural de Ribeira (1969), aínda que actualmente reside no Burgo, Culleredo. Estudou Bioloxía na Universidade de Santiago e na actualidade é divulgador ambiental na Cooperativa de Educación Ambiental (CEM). Recentemente participou no Foro Voz Paisaxe Pondaliana, celebrado no Couto, para falar sobre ornitoloxía.