Baio lembra a forza popular de Labarta Pose para ser merecente das Letras

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A Comisión creada na localidade lémbralle á Academia os méritos do autor

11 jun 2021 . Actualizado a las 11:36 h.

Hai xa 21 anos, no 2000, a Real Academia Galega recibía un completo informe cheo de datos que avaliaban a candidatura do baiés Enrique Labarta Pose (Baio, 1863; Barcelona, 1925) para que lle dedicasen o Día das Letras Galegas. Motivos hai de sobra, tantas veces expostos. Daquela, a comisión empezara a compilalos un ano antes, e que lograron un apoio sen precedentes, con máis de cincuenta concellos e entidades apoiando esta petición, que segue viva. Xa no 2010 se reactivou nunha xuntanza especial promovida por Radio Voz, e de novo volven a facer sentir a súa voz para que este poeta, narrador, dramaturgo, xornalista, fotógrafo e músico, que naceu Praza dos Carballos da Botica á que lle deron o seu nome, teña o recoñecemento que merece. E faino Jorge Mira, como portavoz da comisión, nunha carta dirixida ao presidente da Real Academia Galega, nun momento no que parece que volve a haber movementos para postular a candidatos (non serve de moito, pero polo menos fálase dos autores, sobre todo a Francisco Fernández del Riego ou a Florencio Delgado Gurriarán).

Pero o que ten Labarta Pose e non tiveron nin estes nin outros é unha indubidable pegada popular. O seu traballo calou na xente, nunha época na que os niveis de instrución non eran nin de lonxe os de hoxe. As súas letras, os contos, eran coñecidos e recitados, tanto en Baio como en toda a bisbarra (ten pezas dedicadas á feira de Berdillo, á festa do Briño...). Un poeta popular, define Mira, que tan ben coñece Xosé Manuel Varela, principal estudoso da súa obra.

Pero iso non quedou só neses anos finais do século XIX e principios do XX, senón que se mantivo no tempo se segue na actualidade. Rúas e prazas levan o seu nome. Grupos de teatro naceron con obras escritas por el. O colexio de Baio é o Labarta Pose, e en cada curso hai actividades relacionadas coa súa vida e a súa obra. Téñense feito ata regueifas dedicadas a el. A asociación de veciños é Tabeirón, por un dos seus relatos. Cada vez que se fixeron actos en Baio sobre os seus traballos (debates, presentación de reedicións dos seus libros...) as asistencias foron masivas. Todas as entidades culturais, veciñais e deportivas de Baio sempre amosaron unidade, apoio e recoñecemento ao autor. Poucos meses despois das primeiras reunións, no ano 2001, creouse una páxina web específica sobre a súa obra (cando o uso e Internet estaba a anos luz de hoxe), e xa acumulaba máis de 200.000 visitas en apenas un ano de vida.

Hai catro anos, o Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade unha proposición para dar a coñecer a súa obra, outro paso adiante de cara a divulgación dun autor do que en apenas catro anos se conmemorará o centenario do seu pasamento.

Mira lembra ademais que Labarta formou parte dunha comarca, a Costa da Morte, que na actualidade é a que ten maior índice de falantes de galego. Bisbarra que, por certo, só acumula dous autores recoñecidos co día das Letras Galegas: Eduardo Pondal e López Abente.

Labarta, gran amigo de Alfredo Brañas, activo participante na xeración troiana compostelá, fixo un traballo moi destacado de contribución á lingua e á literatura galegas «e á cultura de Galicia en xeral», como se indica na carta e nos informes enviados á Academia Galega.