O tempo da dó

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

21 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado publicábase unha carta da nai das nenas de Tenerife agradecendo aos corpos e ás forzas de seguridade a axuda inestimable por buscar a verdade no seu caso. A violencia machista e o irascible do suceso quedará nas nosas memorias por moitos anos como efeméride tráxica. Custear un buque oceanográfico durante tantos días é un goteo incesante de cartos, esforzos e recursos. O mesmo que ocorreu para buscar a Julen, o neno de Totalán. Toda unha montaña que se moveu para dar fe dunha realidade manifesta: non había xa nada que se puidese facer por salvalo.

Coido que esa loita por achar corpos, máis aló dos gastos xerados, é parte do noso Estado de Dereito. Unha garantía manifesta de que as vidas, aínda que sexa unha soa, son importantes. A dignidade de darlle un sepelio xusto, unha despedida con dignidade é o suficiente para mobilizar a todo un país que se ergue a favor dunha causa. Quizais, na sociedade, os nenos son o chanzo que causa máis empatía, eles son a xeración que collerá o relevo no futuro e encarnan a pureza e a inocencia da que carecemos moitos adultos. Que importante é preservar a infancia dos cativos.

Como dicía Arantza Portabales nun artigo sobre o Ara San Juan que desaparecera na Arxentina, a cada quen impórtanlle os seus propios mortos. O que para nós é unha noticia triste, que causa xenreira xeral pero que se esquece co pasar dos días, é a traxedia que pais e avós xamais esquecerán. Como país temos o deber ineludible de poñer todo a disposición das familias para poderen enterrar os seus defuntos e non vivir toda unha vida entre a dúbida, a desesperación e o delirio ao non saber onde están os seus seres queridos. Un Estado nunca pode esquecer os seus compatriotas.