Un mundo de poucos

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

19 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca me fixei especialmente nas etiquetas dos alimentos ata que convivín cun diabético. Un simple xesto coma o de facer a compra resulta un tormento. Por desgraza, moitos produtos non indican claramente que utilizan fécula de pataca, e o nutriscore que teñen moitos empaques non informan da cantidade de azucres procesados que engloban. De todas formas, un diabético teno moito máis sinxelo ca un intolerante ao glute. Acórdome que, hai anos, había un rapaz con estas características no noso colexio. Súa nai afanábase sempre en advertir nas excursión que ninguén compartise a merenda con el. Imaxínense o que era no pasado seleccionar alimentos sen os controis alimentarios e a información, as veces sesgada e escasa, pero existente, sobre os compoñentes dos mesmos.

De acordo coa Federación Internacional da Diabete, máis de 460 millóns de persoas no mundo teñen esta enfermidade, a grosso modo case que o 10% da poboación mundial. O ritmo de vida do primeiro mundo, a obesidade e o sedentarismo fornecen unha perspectiva en aumento nos próximos anos. Os celíacos non se quedan atrás, entre o 1% e o 2% da poboación española sofre de intolerancia ao trigo e ás súas proteínas. Non falemos doutras como á lactosa ou outras minoritarias e máis específicas.

A verdade é que nunca lle prestei atención a estas afeccións por mor do descoñecemento. Da mesma maneira que non nos fixamos nas barreiras arquitectónicas ás que se enfrontan na rúa as persoas con diversidade funcional. Cústanos empatizar porque somos alleos ás realidades que nos rodean. Que importante sería que todos os produtos tivesen distintivos homoxéneos para que todos puidésemos facer a compra co mesmo tempo e oportunidades.