Aquel ano, a meu irmán tocáralle de agasallo un coche teledirixido con mando, todo chulo e garboso. A min, os reis, ou máis ben os tíos, trouxéranme unha boneca que choraba ata que lle dabas o biberón. É boa verdade que sempre envexamos o que non temos e eu quería conducir o coche ata fartarme, en vez de atender como nai sufrida un xoguete que nin falaba. Se o penso ben, estamos moi anticuados e continuamos repetindo o erro. Rosa para as nenas cando nacen e azul ceo para os infantes masculinos. Eu mesma dou continuidade ao cliché cando me poño a mercar un agasallo. Roles de coidadoras para nós dende pequeniñas e de homes fortes para eles, moitas veces con acusados xogos bélicos que distorsionan as relacións sociais entre nenos.
As mulleres nacemos para falar de moitas outras cousas que non son flores, como dicía Rosalía. A alma das mulleres non está conformada unicamente por cantares de xesta a prol das plantas e as pombas. Que mal nos fai que unha muller xogue ao fútbol como Vero Boquete ou a nosa Ana Mouzo? Non deberíamos máis ben enchernos o peito de orgullo? Por que nos molesta tanto que un neno pinte as uñas ou xogue con bonecas? O problema reside a maioría das veces nos grandes, nas persoas que eles ven de autoridade. Somos reprimidos, traumatizados moitas veces cos nosos soños e devires.
Buscamos nos nosos nenos un prototipo idealizado nas nosas cabezas. Non existe a perfección nin moitos menos. A un posto caso, a perfección está na xente diversa, sensible, concienciada, que non ten medo ao que digan os demais. A madurez é precisamente iso, chegar a un punto onde ser un mesmo deixa de estar supeditado á opinión dos demais. Deixemos que os rapaces sexan quen queiran ser.