A Fundación Eduardo Pondal cumpre 13 anos reivindicando o seu labor público

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A entidade agasallou aos voluntarios e monitores que conducen as diferentes actividades que teñen lugar na sede da Fundación

14 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ano a ano, actividade a actividade, loita a loita, a Fundación Eduardo Pondal segue a reivindicarse como piar fundamental para a aldea de O Couto e para o municipio e para toda Galicia. Por Santa Lucía, en 2008, nacía unha entidade que onte, trece de decembro, cumpriu con orgullo trece anos de actividade continuada. Tal é a intensidade do traballo que foron moitos os que pensaron que o aniversario era o número 14, quizais en parte por esa aura de negatividade que arrodea ao número 13. Pero para a Fundación é algo así como o seu díxito da sorte.

Ana García

Onte, a inauguración da reforma dun alpendre no que teñen lugar actividades da Casa da Muller e das Aulas Científicas Isidro Parga Pondal serviu como pretexto para festexar e agradecer, a partes iguais. O xerente da entidade, Xosé María Varela, sinalou que dende que a Igrexa lles fixo entrega das instalacións, trataron ese espazo con dignidade, enchérono de actividade e abrírono a todo aquel que quixese ser partícipe do que alí acontecía.

Homenaxe aos voluntarios

Os asistentes gozaron dunha chocolatada, da interpretación que a vimiancesa Irma Macías fixo do Himno Galego e dos agasallos outorgados aos monitores e voluntarios que conducen as actividades que na Fundación teñen lugar: Jaime Morett, Sol Rivas, Lupe Blanco, Marisol Martínez, Sandra Varela, Eva Amado, Teresa Vilanova, Teresa Mosqueira, Aurora Jorge, Luis Facal, Ricardo Rico, Teresa Seara, Yago Espasandín, Alfonso Pérez e Mar Longueira foron os homenaxeados nesta pequena festa pondaliana.