«O Batallón Literario imprimiu unha dinámica cultural que aínda experimentamos»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A VIVA VOZ | Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, ten mañá ten dobre cita en Muxía, unha delas para os premios Contos de Nadal de La Voz

17 dic 2021 . Actualizado a las 16:09 h.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (Silleda, 1970), ten mañá dúas citas na Costa da Morte. As dúas en Muxía, unha para a entrega de premios dos Contos de Nadal de La Voz e Radio Voz e outra para o recital dos 25 anos do Batallón Literario Costa da Morte, ambas no parador Costa da Morte, en Lourido (12.30 e 18.00 horas, respectivamente). É esta unha comarca que García visita a miúdo: «Eu sempre digo que, segundo as estatísticas do IGE, sodes a comarca onde máis galegofalantes hai de Galicia, e iso nótase», dixo en Radio Voz. Sinala que na Costa da Morte hai moitísima actividade: «É fundamental a proliferación de creadores tanto a nivel individual como de entidades que levan a cabo unha cobertura. Boa mostra é o que imos ver o sábado, unha entidade como Paradores, nacional, e a forma na que está identificada na Costa da Morte coa actividade cultural. Isto non pasa en todos os Paradores. E é unha mostra de como a cultura, a promoción da lingua, impregna todos os sectores da sociedade».

—Xa di que a situación do galego na Costa da Morte é boa. Como anda na veciña Barbanza?

—É unha zona onde quizais ten máis influencia o castelán, pero a situación é boa. Agora hai que traballar coas xeracións máis novas, que son o futuro, o futuro do galego e de calquera lingua ou acción na sociedade. Temos desafíos por diante: as tecnoloxías, os medios de comunicación, cada vez máis transnacionais. O galego ten que buscar espazos aí, crear entornos de voz, poder comunicarnos cos automatismos, coas máquinas... e a todo isto ides ter que botar unha man forte. Podemos facer un deseño macro, pero na aplicación temos que contar cos operadores locais, é importantísimo. Sei que tanto na Costa da Morte como en Barbanza non haberá problema: en canto sacamos unha innovación, son das primeiras zonas onde ten demanda e aplicación. 

—Dun lado o galego vai a máis nas tecnoloxías, pero noutro parece que esmorece na xente.

—As cifras están aí, pero hai que lelas con precisión. Cando se miden as de galegofalantes, o primeiro é concretar que é un galegofalante, e se o de hoxe é o mesmo que o de hai 50 ou 60 anos. Hoxe seguramente temos que contar como tal a aqueles que non son monolingües en galego: se o facemos así, o noso idioma ten máis que asegurada a pervivencia. O galego segue a ser a lingua maioritaria de Galicia: se sumamos os que falamos galego sempre cos que falan máis galego ca castelán, estamos nun 51 % da poboación: é un dato insólito, que non se dá en ningunha das chamadas linguas minoritarias en España ou Europa. No catalán sería do 36 %.

—Parece que o galego nas redes sociais, doutro lado, vén con forza.

—Se en algo concordamos todos os operadores que traballamos co galego é que medrou o prestixio social da lingua. O galego está presente en moitos ámbitos onde tempo atrás parecía impensable. Outra cousa é que haxa que seguir traballando. É importante estar aí, e no audiovisual: estamos dando a batalla para que esa lei que se está negociando no Goberno de Madrid contemple que as grandes plataformas teñan que ter contidos nas linguas cooficiais.

XOÁN CRESPO

—Que papel xogan certames como os Contos de Nadal ou Contos de Primavera? Vostede é un habitual destas entregas. Que mensaxes lle trae aos rapaces?

—Cando un rapaz ou rapaza gaña un concurso, non se lle esquece na vida. Esa é a primeira mensaxe. Segundo, que o que facemos é promover a calidade da lingua, a lingua literaria. Os concurso promoven certa competición, e está ben ese afán de mellorar e de superarse. Logo, que implicamos ao tecido social. Cando un rapaz vai buscar un premio ou cando se lle publica o seu conto e o poder ler todo o mundo no xornal, non só é un premio para el, éo para a familia, o centro, profesores e compañeiros... Estamos tecendo unha rede, dándolle expansión ao emprego da lingua, ao emprego pola xente máis moza, e a un emprego premiado, destacado. Iso o que nos dá é un prestixio social do idioma, e mesmo un fomento da actividade cultural, porque quen gaña un concurso adoita participar noutro. Ten un efecto expansivo.

—Que supuxo o Batallón Literario da Costa da Morte?

—Revolucionou o panorama literario de Galicia no seu momento. Eran xente moi nova, pouco coñecida ata ese intre, e encadrábanse nunha área que tradicionalmente non se vía como de expansión literaria e cultural. Estes colectivos adoitaban partir arredor dunha universidade ou academia, pero eles fixérono, e ademais con estilos transgresores e innovadores, sacando unha revista de poesía moderna e avanzada, Feros Corvos. A partir de aí, pois todo o que foi como colectivo e a nivel de cada integrante: premios, libros publicados... O Batallón imprimiu na Costa da Morte unha dinámica cultural que aínda hoxe experimentamos. Todo iso hai que celebralo e ímolo facer presentando o facsimilar de todos os números de Feros Corvos e unha antoloxía preciosa de poetas da Costa da Morte que edita Chan da Pólvora, da man de Antón Lopo.

—A cultura revelouse esencial na pandemia.  Os membros do Batallón compartían inquedanzas. O propio Parador é o legado dunha catástrofe coma a do Prestige. Cre que as dificultades alentan un florecer cultural?

—Como se soe dicir, non hai solucións únicas nin desgrazas absolutas. Experiencias tan contundentes para a nosa xeración como pode ser esta pandemia terán os seus froitos a nivel cultural. Escribiuse moito, sairá música, audiovisual...