Estudaras

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

17 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantas veces non escoitaría eu aquilo de que se non che gusta o teu traballo estudaras? Cantas veces, na miña propia consciencia, eu mesma formulei esas palabras para referirme a alguén, chea de malicia, clasismo e soberbia? Un día destes, namentres esperaba na ringleira dunha panadería coñecida da contorna, fixábame no ritmo incesante das dependentas. As súas mans apreixaban con forza os filtros da máquina de café cando a súa vista estaba xa no próximo cliente e en ver como engrosaba o número de persoas con ansias de mercar o xornal ou almorzar. Aquel día era domingo e mentres eu tiña o luxo de tomar o meu día de descanso con tranquilidade, aquelas mozas estaban traballando con dignidade, esforzándose por dar o mellor de si.

Por iso, cando estaba esperando a miña queda, non puiden nada máis que pensar que este é o meu tributo a elas. Mulleres con traballos tradicionalmente denominados de baixa cualificación e que, non obstante, son moito máis complexos do que nun principio poderíamos pensar. A miúdo, adoitamos xulgar a xente por como viste, polos seus traballos, pola marca do seu coche ou o modelo anticuado ou non do seu móbil. Moi poucas veces, pensamos nas historias que carrexan as persoas detrás dun mostrador, nunha profesión que emana dignidade e esforzo. Adoitamos etiquetar ás persoas moi facilmente, sobre todo cando nos encontramos nunha posición politicamente para a sociedade mellor. E así, neses momentos de egolatría perpetua, formulamos preguntas e afirmacións ferintes como as que encabezan este artigo, sen saber moitas veces se el ou ela tivo as mesmas oportunidades ca nós na vida. Xa se dixo sempre que a ignorancia era unha señora vella ben atrevida.