AVANCE DE PROGRAMACIÓN | A exposición, da man de Arraianos Producións, está prevista para marzo
22 feb 2022 . Actualizado a las 01:38 h.Marzo • Van e veñen as exposicións na Costa da Morte, mais nunca deixa de haber arte para visitar. Para o vindeiro mes de marzo está prevista a inauguración, no Ecomuseo Forno do Forte de Buño, da primeira exposición retrospectiva sobre Xosé Vizoso. Na remusealización que se está levando a cabo quedarán habilitadas salas para mostras temporais e unha delas será esta, impulsada dende Arraianos Producións co apoio do Departamento de Cultura da Deputación da Coruña, así como do departamento de Patrimonio, ao abeiro de subvencións de proxectos singulares de especial interese cultural.
Segundo se pode ir avanzando, o fío condutor, neste caso, vai ser a homenaxe aos oleiros que Vizoso fixo hai anos e que o propio Isaac Díaz Pardo tiña pensado editar como un cartafol, pero que nunca se chegou a facer. Haberá espazo, asemade, para algunhas das pezas máis senlleiras de Sargadelos, así como obras destacadas e claves da carreira de Vizoso no departamento de deseño desta firma e noutros proxectos.
Será a primeira retrospectiva de Vizoso, pensada para este espazo en concreto, pois Arraianos entendeuno como o lugar máis acaído pola vinculación cos alfareiros e oleiros. O propio Vizoso visitou o lugar e así concordou. Non é menor o seu vínculo con Bergantiños, pois tamén o teceu da man da Fundación Pondal, entidade que, no 2013, o recoñeceu como un dos seus Bos e Xenerosos, e coa que ten colaborado en diversas cuestións (carteis, placas...). Creador de pezas de cerámica, ilustrador, escenógrafo de deseñador do grupo Sargadelos por máis de tres decenios, é natural de Mondoñedo, a terra de Pascual Veiga, autor da música do Himno escrito polo bardo pontecesán.