O último congro

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

XAN FERNANDEZ

07 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sanidade requisou a remesa de congro que se estaba facendo no último secadoiro destas características na Costa da Morte. Ademais disto, impuxo unha sanción económica tan cuantiosa que poucas ganas de lle deben quedar aos donos de seguir unha tradición pouco rendible e de gran esforzo. Sanidade pon sempre a premisa da seguridade alimentaria mais eu confío máis en comer un congro seco de Muxía e non calquera doce industrial, cheo de química. Aditivos, conservantes e colorantes que inducen a cambios hormonais, neurolóxicos ou dixestivos. Pensemos na cantidade monstruosa de glutamato monosódico que comemos ao longo do día, en alimentos cotiás. Aditivo que, ademais de non ser moi saudable, fai que comamos máis e máis, sen cancelas.

Acaso o último secadoiro de Muxía non é case que un BIC? Un xermolo do que foi un día esta vila mariñeira e tamén o sabor da tradición que se mantén dende a Idade Media. Eu son das que pensa que os controis sanitarios son compatibles coa trazabilidade e o proceso artesán do secado. O que non se pode facer é impoñer sancións e requisar mercadoría sen ter indicios de contaminación alimentaria ou alerta inminente. Se tivesen tanta ansia por potenciar os alimentos naturais e reducir o consumo de alimentos adulterados e feitos en laboratorio, quizais viviríamos sen tantas doenzas e con máis calidade de vida.

Repensen o sucedido, señores da Xunta de Galicia, fagan posible conxugar con rotundidade a artesanía que esmorece hoxe en día coa normativa en materia de calidade alimentaria. Non fagan que sigamos perdendo trazos da nosa identidade por mor de fundamentos que a oídos externos parecen simplistas. Longa vida ao derradeiro secadoiro de congro da Costa da Morte.