Pantomima

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

25 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non teño fillos. Coido que me faltan anos para empezar a comprender a envergadura da palabra en si, cumprir demasiados soños antes de pensar en alguén máis que non sexa o ego propio. Non obstante, convivo asiduamente con nenos ao meu redor, recoñézome nas meniñas inocentes dos seus ollos. Como dicía Miguel Delibes, os nenos teñen sempre a culpa daquelas cousas das que non ten culpa ninguén.

Estes días, vendo as facianas dos infantes illados nos subterráneos de Mariúpol, pensaba nesta frase. Ata o xornalista que narraba a noticia non podía evitar o símil cos nenos coartados de liberdade nos campos de concentración nazi. Como lle explicarías ao teu fillo a guerra? Diríaslle que se trata dunha intricada matanza ideolóxica con raíces históricas ou xeopolíticas? Non, para nada. Só che sairía dicir que son homes e mulleres enfrontados por posuír a terra, atrapando no lume cruzado a inocentes civís, sen pena nin gloria. Aí, cando pensas no significado da guerra, descobres que a contenda é unha causa egoísta exclusivamente para explotar os recursos petrolíferos, minerais ou estratéxicos dunha zona. Contrariamente ao seu significado, non podemos dominar aquilo que leva millóns de anos sendo un ente propio como é a natureza, vendo ela século tras século como nos matamos entre nós por algo que só podemos usar e intentar salvagardar para a seguinte xeración. Como dicía Mahmoud Darwish, non sei quen vendeu a patria pero sei quen pagou o prezo.

Aqueles que hoxe descansan apiñados nunha fosa común, cas mans atadas e o corpo cinsento, sen lápida nin epitafio, pagaron o custe dun nacionalismo rancio do que non aprendemos. Que difícil é explicarlle a un neno a pantomima da guerra que nos asolaga.