Ás veces, ocorre que hai titulares que se contrapoñen para formar un retrato conformado da sociedade. Un fala de que unha científica augura que en poucas décadas chegaremos aos 120 anos con soltura. O outro, relata a testemuña dun profesor que é xubilado forzosamente, a pesares de que se sinte con forza para continuar un par de anos máis no seu oficio. O primeiro titular é aclamado como un gran avance, o segundo está cheo de comentarios sobre o egoísmo do protagonista ao non querer deixar paso a futuras xeracións de profesores. Para min, resúltame enormemente contraditorio todo. Queremos chegar a pasar o linde do século en esperanza de vida pero cando chegamos a un límite de idade escollemos que tipo de vida ten que levar o xubilado.
Non entendemos que hai xente que precisa, pola tipoloxía do seu traballo, xubilarse antes e outras profesións, en cambio, pódense levar a cabo máis anos porque fomentan o nivel cognitivo e emocional da persoa que as desenvolve. Sobre isto, o noso sistema de pensións non é nada máis que unha partida dobre onde queremos xerar un estado de benestar fráxil que non sufraga un mínimo de poder adquisitivo. O máis triste de todo é que ninguén prepara unha transición para esa idade dourada que, na experiencia e na realidade, adoita ser de latón. Cando chegas a vello, despois de contar un por un todos os anos esixibles para a pensión, apenas podes gozala. Na maioría das veces en vez de aproveitar a idade provecta, tes que botarlle unha man aos fillos coidando aos netos, incluso economicamente. Prepárannos para estudar de novos, véndennos dicindo que temos que buscar un bo futuro e nunca chega o tempo de gozar da vida. Iso de traballar para vivir ou vivir para traballar.