Pili Pampín: «O público da Costa da Morte sempre me trata ben, cun cariño espectacular»

Claudia taboada / s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pili Pampín, onte, antes de actuar na verbena de Seavia, Coristanco
Pili Pampín, onte, antes de actuar na verbena de Seavia, Coristanco BASILIO BELLO

A REMOLLO | A raíña da verbena galega estivo en varios concellos da comarca coa súa xira de verán. Que se leva dela? Así fala

21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que foi descuberta cantando no restaurante dos seus pais aos 18 anos, Pili Pampín (Teo, 1971) non parou de crear música. Con temas como Eu chorar chorei ou O Galo, avanzou ata chegar a ser recoñecida como unha das raíñas da canción galega. E os seus nervios previos a calquera actuación afirman o entusiasmo que segue sentindo polo seu traballo.

—Como foron eses primeiros anos, foi con ganas ou tiña medo?

—Home, ao principio claro que tiña medo, era unha nena. Pero tivo tan boa recepción o primeiro disco que xa ao ano seguinte gravei o segundo, ao seguinte ano o terceiro… Podo dicir que desde o primeiro momento tiven un público marabilloso que me respaldou e me apoiou moitísimo.

—Ten fans por toda Galicia. Como é tocar para o público da costa, nota algunha diferenza coa xente de interior?

—Pois é máis distendida, colaborativa, canta e aplaude… Participa moito no espectáculo e iso é moito de agradecer. A xente sempre é máis festeira pola costa, polo menos desde o meu punto de vista.

— Ao ser xente de mar, ten algunha canción específica que inclúa no repertorio que se dirixa a eles?

—Levo moitísimas cancións da nosa terra, e a maioría delas están dedicadas á xente do mar, por suposto. Ese quizais sexa o momento no que máis colabora a xente, ao recordar eses temas que sabe todo o mundo. Ademais, para a xente do mar estas cancións teñen un significado moi simbólico.

—Aínda veu hai pouco á Costa da Morte, actuou nas festas da Xunqueira de Cee. Como foi?

—Foi marabilloso. O público estivo xenial e tivemos unha noite moi bonita. Eu teño que agradecer sempre á Costa da Morte, porque por esta zona sempre me tratan ben, cun cariño espectacular, e as verbenas adoitan estar cheas. Estou moi agradecida.

—Este ano, despois da pandemia, xa volveron as verbenas. De feito vostede mesma xa está de xira agora mesmo. Como ve a situación actual?

—O que eu vexo é que hai moitas ganas de traballar. O parón fíxolles moito dano a moitos compañeiros, e de feito algúns deles quedaron no intento, xa non puideron saír dese parón. Os que quedamos estamos traballando con todo o cariño do mundo e, menos mal, pouco a pouco estamos levantando a cabeza. Dános a vida poder traballar.

—Ultimamente a súa audiencia está cambiando. Nota o amor deste público máis novo que se achegou a vostede no último ano?

—Si! A colaboración que fixen con Ortiga foi un acerto espectacular. O Luar da TVG tivo a idea de xuntarnos para o programa da fin de ano, e Ortiga versionou un dos meus temas máis coñecidos: Eu chorar chorei. A verdade é que tivo moito éxito, xa é o hit do verán. Eu noto que teño máis xuventude nas verbenas, tamén me aumentaron moito os seguidores máis novos en Instagram...

—Como foi traballar con el?

—É un rapaz fantástico e entendémonos ás mil marabillas. De feito, podo confesarche un segrediño pequeno: para setembro estamos preparando unha cousa nova.

 
 
 
Ver esta publicación en Instagram

Una publicación compartida de Pili Pampín (@pilipampin)

—Viñera xa pola zona da Costa da Morte antes de traer os seus concertos?

—Cando era unha nena teño visitado a zona cos meus pais. Por Camelle, Camariñas, Malpica, Muxía… Recordábaa malamente porque fora de moi pequena, pero agora que teño a oportunidade de estar actuando por aí intento visitar. Hai sitios realmente marabillosos aquí en Galicia.

—Entón cos concertos xa a recorreu toda, non?

—Case! Aínda me queda algún cachiño por descubrir.

—Que é o que máis disfruta da Costa da Morte?

—Sinceramente, eu penso que na Costa da Morte gústame todo. Desde a xente ata a comida, as praias, as vistas… Creo que non teño ningún «pero» ao falar da zona. Como son de interior, cando visito todos os recunchos de praia e as lindas paisaxes volvo marabillada.

—Gústalle o mar? A praia?

—Encántame! Por desgraza non podo desfrutar do mar tanto como quixera porque xusto no verán é cando máis traballo teño. Pero na Costa da Morte puiden ir á praia de Camelle e á de Camariñas varias veces.

—Que tal? A auga moi fría?

—Chégalle ben! Nas Rías Altas algunhas veces está coma a neve!

—Aínda así, volverá axiña?

—Claro que si, sempre teño ganas de volver!

BASILIO BELLO

Máis a fondo

¿Canto fai que non come sardiñas con cachelos? Fai oito días... Encántanme! E engadíndolles uns pementos de Padrón é unha delicia.

¿Onde está o Cemiterio dos Ingleses? Creo que en Camariñas, pero nunca puiden ir visitalo.

¿O único lugar de Europa continental no que un río desemboca en fervenza? O Ézaro.

¿Percebe de Corme ou longueirón de Fisterra? Gústanme os dous, pero se teño que elixir prefiro o percebe do Roncudo. Por desgraza, nunca puiden ir á festa, pero téñolle ganas.

Algún verso preferido de Pondal? De memoria non che sabería dicir un en concreto, pero dígoche que todo o himno de Galicia é precioso.

¿Algunha vez se bañou na Praia dos cristais de Laxe? Nunca, pero encantaríame. A ver se podo coller algún día da primavera para ir, que durante o verán éme imposible.

A catedral o megalitismo? Non estou segura, pero creo que é o dolmen de Dombate, non?

Exacto. Nunca o visitei, oxalá poder algún día.

O mellor solpor? Para min, en calquera sitio de costa son impresionantes, tanto nas Rías Altas coma nas Baixas.