En transo

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

ANA GARCIA

21 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai días cheos de gris e tristura. Hoxe é unha desas xornadas onde as borrascas se posicionan sobre Galicia enchendo todo de poalla, esa chuvia fina que apenas se nota, pero penetra ata os ósos. Moitas veces, paso por Brandomil de camiño á casa. Fíxome que pasan moitos coches cara Santiago na fin de semana, en cambio, en dirección contraria apenas hai retorno. Ás veces, aseméllame unha metáfora da demografía galega: a xente vaise, pero non regresa. As casas quedan sumidas no silencio, ese que asemella unha mortalla cando os avós morren, cando os pais tamén e unicamente habitan as voces das nosas cabezas, os recordos da nenez.

Vivimos cada vez máis conectados. Os psicólogos falan de novas afeccións de conduta: temos medo a que nos quiten o móbil ou mesmo imaxinamos que vibra cando iso non é o caso. De cando en vez, poñémolo boca a baixo pola ansiedade que nos causa que alguén poida ler os segredos que garda o dispositivo. Seguramente, a pesares de vivirmos nun metaverso aínda incompleto, apenas vemos aos nosos veciños e aos achegados. Quizais esa sexa a contradición máis latente do mundo moderno: conectados coma nunca e illados a un tempo. Oxalá nun futuro se fagan estudos de como a tecnoloxía afectou e afecta á maneira de enfrontar a vida. Confeso que, de cando en vez, teño medo que a realidade virtual que se aveciña nos quite o que nos queda de humanidade: o afecto e o tacto que xamais poderá suplir unha máquina. Posiblemente as crises ás que nos enfrontamos de maneira global nos traian un retroceso ás orixes: sen tanto consumismo nin troulas. A invención non pode superar ao autor nin a vida pode xermolar a través de electricidade e cables. Non sexamos homes e mulleres en continuo transo.