A tristura da norte é un sentimento que se intenta enmascarar con flores, pregarias e palabras de despedida. Intentamos achar a través da ofrenda a forza abonda que nos impulse a camiñar nesta vida ata que nos atopemos no río de Caronte cos nosos. Sempre me pareceu sorprendente como as palabras de cariño saen intempestivas cando falece unha persoa. Ás veces de corazón e outras por mor de continuar a corrente doutros, colgando fotografías e textos preconcibidos nas redes.
A morte de Pablo Milanés sorprendeume a través destes vestixios de palabras sentidas nas publicacións. Palpábase a sinceridade en todas as epístolas que lin e facíase, ao tempo, un retrato conformado do home que se extrapolaba do artista. Un perfil humilde, achegado ás persoas do seu círculo e cunha empatía que chegou ata á terra da súa dona, Nancy Pérez.
Eu confeso que non coñecía a figura do cantautor. Non me dá vergoña dicir que nestes tempos estamos a perder as xeracións novas a posibilidade de coñecer as cancións de nosos pais, mergullados como estamos na era do autotune. Foi grato abrir Spotify e escoitar cancións tan garbosas, cantadas con ese torgo que parece encher calquera estancia. Hai quen di que as persoas, mentres habiten a memoria e sexan recordadas, sobreviven dalgunha forma no relato, entre nós. De aí que os nosos maiores nomeasen os defuntos sempre con aquela famosa frase de que Deus os garde na gloria. Estou segura que hoxe a xente do Pino do Val se sente un pouco máis orfa, perdendo un dos seus veciños de feito máis ilustres. Quedarán sempre as súas cancións, cheas de historias de amor e donaire que encheron moitas veces os momentos importantes da xente de a pé. Descanse en paz, Pablo Milanés.