Non importa se o cres, só espera», dicía o Alemán de Camelle. A finais do pasado ano publicouse Creen que eres Jesús. La locura mágica de Man de Camelle, de Tracy Saunders, xunto co sobriño do artista xermano Clemens Gnädinger. É unha obra densa, tanto que fai un percorrido pola biografía do Manfred, as cartas e a relación coa súa familia, documentos que foi deixando escritos e análises de prensa e publicacións sobre o home e a súa obra. Mergúllase a autora en moitos detalles persoais do artista e trata de sacar conclusións sobre o seu pensamento e as razóns das súas accións, actitudes e decisións. Tracy Saunders acaba dicindo que espera que este libro dea algo de peso á idea de que o Museo de Man non ten por que esborrallarse na escuridade. Manfred Gnädinger foi unha persoa incomprendida toda a súa vida. En moitas fases da súa existencia foi vítima do que agora se chama bullying. E en Camelle decidiu facerse artista, pero non de etiqueta, de salón de exposición, de inauguración de mostras con canapés. Non, ocorréuselle facerse artista nun lugar illado e, por riba, converterse en ecoloxista radical, pero, na súa idea, consecuente. Man era una persoa especial, pero houbo moita xente que cometeu moitos errores con el. Tanto de vivo como de morto. Se as súas obras as expuxesen nos modernos museos de arte contemporánea serían respectadas, pero non. A pesar de que deixou cartos para que se coidasen, ninguén o fixo da forma debida nin eficaz. Que se pode facer? Imaxinan todo Camelle pintado con círculos como tiña Man nos anos oitenta. El foi un adiantado. Agora que está de moda a arte urbana, Camelle converteríase nun referente turístico se alguén volvese pintar aqueles círculos. «Só espera».