Figuras públicas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

O galego para moitas persoas aínda continúa sendo un dialecto

27 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As redes sociais andan de fervedoiro: caldo de gloria, actos de homenaxe a Rosalía e día da lingua materna. Todas actividades deste mes que fornecen golpes de peito e discursos en exceso predicibles. Na televisión autonómica, por exemplo, vexo unha contradición enorme. Persoas que son cara visible, que reivindican ante a cámara o galego e, non obstante, soben contido exclusivamente en castelán nas súas redes. Por suposto que están no seu dereito de utilizar a lingua que desexen pero amosan unha mensaxe moi explícita: co galego non chegan ao público que buscan.

Son contadas excepcións pero sabemos perfectamente que esa non é unha forma de facer país e non perder falantes. Véñenme á cabeza outros exemplos de incoherencia, como deportistas que se fan abandeirados da lingua ata que toca facer unha promoción. Se temos que facer publicidade non hai nin unha tradución.

Valoro positivamente esa xente que fai o esforzo de poñer o texto en ambas linguas, aqueles que amosan cohesión entre os valores que encarnan e a súa imaxe. O apego pola lingua non é vestir unha camiseta cun eslogan reivindicativo. A lingua hai que falala, ensinarlla ás crianzas e divulgala. É a única forma de que non morra. O galego para moitas persoas aínda continúa sendo un dialecto, unha forma coloquial en ámbitos non cultos. As persoas que deberían loitar en medios escritos e audiovisuais polo galego non teñen obriga pero deberían coñecer a influencia que representan. Nin podemos romantizar a Rosalía esquecendo A las orillas del Sar na súa biografía, nin debemos deixar de loitar polo galego. O que ocorre é que o idioma deixou hai moito tempo de ser un tema banal para converterse en política, para uns e outros.