«A falta de mulleres na ciencia nótase sobre todo nos postos máis elevados»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A científica portoguesa Joana Magalhaes deu unha charla a estudantes de Baio no marco do programa que impulsan Prensa Escuela e a empresa Viaqua

18 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar da presenza das mulleres na ciencia con mulleres que se dedican á ciencia. Esa é a premisa do ciclo de charlas que La Voz, a través do programa educativo Prensa Escuela, pon en marcha xunto coa empresa Viaqua para fomentar as vocacións científico tecnolóxicas entre as nenas e mozas de centros educativos galegos.

Esta iniciativa pasou onte polo IES Maximino Romero de Lema de Baio e a protagonista foi a portuguesa Joana Magalhaes, que falou durante preto dunha hora para estudantes de cuarto da ESO e segundo de bacharelato. Bióloga, investigadora en enxeñaría de tecidos no seu momento e activista do feminismo na ciencia, Joana traballa en proxectos de comunicación para achegar e facer partícipe da ciencia á cidadanía.

A través da súa propia experiencia, demostroulle aos mozos as numerosas posibilidades laborais que ofrecen estes campos. Faloulles da súa traxectoria, e de como traballar neste eido lle permitiu viaxar a numerosos lugares, aprender idiomas, compartir experiencias con colegas doutras nacionalidades ou mesmo superar os seus propios traumas do pasado, como o medo que lle tivo ás agullas dende pícara. Faloulles, así mesmo, dalgúns dos proxectos dos que formou parte, como o que compartiu co reumatólogo ceense Francisco Blanco ou o que impulsou en Vigo relacionado co aproveitamento de materiais mariños. Tamén colaborou co programa Prensa Escuela, con Radio Voz e con entidades como a Real Academia Galega das Ciencias ou a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, e traballou na creación de series de televisión para o fomento das vocacións científicas.

ANA GARCÍA

Sobre este concepto afondou unha vez rematada a charla, xa durante a quenda de preguntas, apuntando que a falta de vocacións científicas entre as mozas non sempre é a causa de que as mulleres sexan aínda unha minoría en determinados estamentos. «De feito, ata o doutoramento hai máis mozas estudando ciencias que mozos. O problema está cando empezas a subir a postos máis elevados. Na biomedicina, por exemplo, hai moitas mulleres traballando, en parte porque sempre estivemos máis relacionadas co ámbito dos coidados, pero iso dános unha falsa perspectiva, pois máis arriba xa deixa de habelas», comentou Joana, ao tempo que explicou que ela mesma ten sufrido situacións de discriminación por cuestións de xénero, situacións que, no seu caso, procesa e comunica a través da arte.

Tamén apuntou que cando ela se formou notou unha carencia de referentes femininos na ciencia, pero dou un dato esperanzador: «Cando entrei ao Inibic, eu era a única muller traballando en informática no hospital da Coruña. Dez anos despois, eramos quizais un 30 %. Hai mellora», concluíu.

ANA GARCÍA