
A anterior semana non puiden subir o artigo co que habitualmente colaboro. A saúde mental aínda está moi denostada. Ás veces, preciso parar. Determe. Reconstruírme. Tan necesario e reparador que me gusta compartilo con quen me le asiduamente. Non podía pasar neste período electoral sen comentar a pega de carteis que dan a saída á campaña electoral. Nada odio máis ca eses carteis que se pegan sen rumbo na rúa, casas abandonadas, postes e un largo etcétera con esa cola que parece invencible. Sempre comento que logo das eleccións ninguén retira con tanto mimo como se pon a propaganda electoral. Hai cada estampa, cada personaxe que se viste de asertivo e profesional colgando carteis, que sinto arrepíos. Que fermosa é a foto, ese sorriso impecable con dentes brancos a media noite, sobre un fondo de carteis imposible. E que difícil é ensinar un programa electoral. Vin moita crítica fácil, demasiada fraseoloxía e analoxías pero poucas ideas.
Considero que quen utiliza o insulto como reclamo, queda abocado a comezar unha guerra dialéctica sen bandeira. Papeletas non só se entregan en papel e nunha cantidade irrisoria e preocupante. Acotío, como veciños facemos a papeleta dos nosos días. Son apenas uns días onde os candidatos parecen arramplar con todo valor para chegar a un despacho que non é a panacea de nada. Un día falaremos de cómo envellece a política e do seu desgaste. O domingo, o cura de Busto en Mazaricos falaba de cómo é case un dereito sacro votar. Fagámolo, a alternativa é non decidir como sexamos gobernados. Non obstante, que sexa un voto segredo, íntimo porque ante todo somos veciños e quedar de últimos ou primeiros non nos vai quitar a identidade de seu.