Raúl González, PSOE de Dumbría: «Estiven 32 anos aprendendo do mellor, supoño que algo quedou»
CARBALLO

A carreira electoral | «En 17 anos investimos 15 millóns en plans de emprego, cada ano dedicamos unha cuarta parte do orzamento a estes programas», di o candidato do PSOE á alcaldía de Dumbría
25 may 2023 . Actualizado a las 22:25 h.«Eu sempre pensei que Pequeño e máis eu marchariamos xuntos do Concello, que nos xubilariamos xuntos. Pero no Nadal dixo que marchaba e que quería que eu fose o candidato. Teño que recoñecer que os primeiros días sentín presión, pero tal e como me recibe a xente podo dicir que me atopo moi ben». Raúl González Lado sempre estivo ao lado de José Manuel Pequeño. Agora, o que foi número dous do PSOE de Dumbría lidera a lista nun importante feudo socialista.
—Como afronta esta nova etapa?
—A miña idea nunca foi dar o paso de presentarme como candidato. Podo dicir que estiven 32 anos aprendendo do mellor, supoño que algo quedou de toda esta experiencia.
—Que valoración fai destes catro anos de mandato?
—Fixéronse moitas cousas. Destacaría as nosas políticas sociais, como os plans de emprego. En 17 anos investimos 15 millóns de euros en plans de emprego para a xente do noso Concello. Dedicados unha cuarta parte do orzamento municipal a políticas de emprego. Coa reforma laboral do 2022 non é tan doado mantelos, pero contamos cunha nova ferramenta: o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, que, dalgunha forma, nos permite manter ese nivel de emprego local.
—Cales son os eixos principais do seu programa?
—Nós non somos de mitines, senón de falar coa xente, de escoitala sobre o que nos ten que dicir. A grandes rasgos o noso proxecto pasa por manter eses programas de emprego municipal, potenciar a figura do Vákner, que tanto éxito acadou. E temos que volver a pensar no PXOM. A ver se agora vai. Houbo catro intentos previos de Pequeño e non saíron adiante. O PXOM non é unha panacea porque limita moito o modelo edificativo dun Concello. No caso de Dumbría o 90 por cento [do territorio] sería solo rústico. Pero non ter PXOM non significa que non se poida edificar. Só dous dos nove concellos da nosa contorna teñen PXOM, pero no resto tamén se pode construír. Que non digan que por non ter PXOM non se pode construír, non é certo. Pero si que debemos afrontar o reto de contar cun Plan xeral para Dumbría.
—Nesta ocasión Dumbría conta con tres candidatos á alcaldía. Como valora este novo escenario político?
—Haberá que esperar a este vindeiro domingo. Cada candidato expón o seu proxecto político e logo serán os veciños os que decidan. No que a min respecta podo dicir que o que me trasladan os veciños aos que visitamos porta por porta é optimismo. Creo que podemos acadar un bo resultado. Unha cousa que me chamou a atención coa xente coa que falamos é que non queren proxectos faraónicos, senón que aguantemos co que hai. Nós incidiremos nesas políticas de emprego local e mellorar os nosos servizos sociais.
A LISTA
1. Raúl González Lado
2. Mari Carmen Agulleiro Fernández
3. Faustino Suárez Moledo
4. David Carreira Agulleiro
5. María Elena Santabaya
6. Iván Pequeño Louro
7. José Trillo Carreira
8. Óscar Lado González
9. Paula Lema Bermúdez
10 Balbina García Montero
11. Sheila Pose Pérez
Suplentes
1. Óscar Maceiras Pazos
2. Purificación Carreira Santos
3. Daniel Muñoz Barciela
PREFERENCIAS
- A que hora se ergue? Ás 6.30
- Que almorza? Pan con café con leite
- Prato preferido Cocido
- Que non comería? Insectos
- Bebida preferida Auga
- Equipo de fútbol O Dumbría
- Que coche ten? Un Peugeot 3008 do 2009
- Unha afección A música
- Un lugar Santa Uxía (Dumbría)
- Unha rede social? Instagram e Facebook
ARTES E LETRAS
- Escritora, escritor favorito Domingo Villar
- Último libro que leu Florentino Pérez, el poder del palco
- Última película que viu As Bestas
- Un artista A miña sogra, Mercedes, palilleira con 96 anos
- Un actor Clint Eastwood
- Unha actriz María Bouzas e María Pujalte
- Un cantante ou grupo Freddie Mercury
- Tipo de música De todo tipo
- Deporte que practica Camiñar
- Unha viaxe pendente Facer un cruceiro