
Coñezo a persoas con cancro de larinxe, con traqueotomías. Habemos todos de ter en mente a algunha persoa.
Poucas veces lle outorgamos como sociedade a connotación de mutilación a estas operacións, a diferenza dunha mastectomía ou a retirada dun membro. As cordas vocais habitan no noso imaxinario pero, ao seren órganos menos coñecidos, cústanos facernos unha ilustración imaxinaria das mesmas.
Hai xente que lle da reparo ver o burato dunha traqueotomía. Isto ocorre polo descoñecemento, dános repulsa algo que non coñecemos, o que lles obriga moitas veces aos afectados a disimular coas lapelas das camisas as pegadas desta intervención. Os nenos incluso soltan comentarios inapropiados cando ven unha persoa que ten que premer na gorxa para que un son rouco emerxa. Cando isto ocorre, intentamos reprendelos, pero continuamos sen explicar a razón de que ese home ou muller non teña un timbre de voz normativo. Continuamos a cadea de ignorancia premeditada e creamos un verdadeiro problema de autoestima nestas persoas.
Perder a voz debe ser unha hecatombe sen precedentes de por si. Escapo desas persoas que banalizan ao comentar que aínda se poden comunicar, que non foi para tanto. Cómpre tornar a nosa pel no pelexo doutro para sentir a carón os medos e os sentimentos que sofre un paciente oncolóxico deste tipo. Pensemos nunha vida sen a nosa fala, esquecendo por veces ata como era para ter que conformarse cun sucedáneo. A vida continúa pero como ocorre moitas veces falta acompañamento psicolóxico e a normalización, algo tan sinxelo que se nos escapa das mans como area. Son superviventes, auténticos exemplos de que un membro ou parte de nós non nos define, que somos algo máis que carne e óso que camiña.