Auga e sal

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

26 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O mar é un coloso que se agocha entre a combinación de auga e sal. Entre o caso do submarino Titán e o Vila de Pitanxo hai moitas similitudes. As familias das vítimas saben que os restos dos seus están sen terra, na inmensidade das augas, nese limbo eterno. Xa sei que hai tamén moitas diferenzas. Os do submarino ían de ocio, por esa vaidade de tocar ca punta dos dedos os vestixios do naufraxio máis célebre do mundo, ca ansia de formar parte dun feito histórico, cando non se pode alterar o marco dunha historia. O Titanic vai desaparecer en relativamente poucos anos a causa das bacterias que van comendo o pecio e non hai nada que poida paralo.

Os tripulantes do Vila de Pitanxo morreron presumiblemente pola precariedade laboral, por deficiencias na seguridade e polas ordes dos superiores. Non estaban contemplando a beleza das augas de Terranova, estaban traballando para sacar as súas familias adiante e darlle alimento. Xa sei que sobre as diferenzas nos medios de rescate me van dicir que son diferentes casuísticas. Que no caso dos galegos non había esperanza de vida e nos outros si. Que eran diferentes xurisdicións e un largo etcétera. Resulta máis convincente ca pensar que non todas as vidas teñen o mesmo valor, a ollos dunha sociedade do primeiro mundo que se cre xusta e moralista ante todo. Pensemos no afundimento hai un días dunha pateira nas Canarias, sen medios de rescate e cunha dilación que custou vidas de nenos e adultos.

A morte no mar resulta ser tan caprichosa e vil que arrebata a posibilidade de enterrar os propios defuntos e ter unha tumba á que entregar flores e ofrendas. Aínda así, ás veces e a pesar dos cartos, é a única que non discrimina entre ricos e pobres.