Juan Carlos García, alcalde de Coristanco: «Buscarei sempre o consenso, pero non vou pedir perdón por ter dez concelleiros»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

«Os soldos dos políticos non son altos ou baixos, son efectivos, ou non», di

29 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Carlos García Pose ten 51 anos e a súa formación, o PP, acadou o 28M o maior aumento de concelleiros en toda a Costa da Morte. Duplicou as actas, de 5 a 10, grazas a obtención do 67% do voto emitido. Con estes números obtivo a maioría absoluta e mantivo a alcaldía de Coristanco.

—Que queda do Juan Carlos que chegou á política municipal hai xa catro anos?

—Volvinme máis prudente, porque o que eu diga pode ter unha gran transcendencia pública, e tal vez volvinme máis serio se cabe porque os temas que trato a diario son serios e requiren de atención, profesionalidade e seriedade. Tamén intento escoitar máis á xente porque as persoas queren ser escoitadas.

—Sexa sincero. Esperaba sacar dez concelleiros de trece?

—Non.

—Cales eran as súas previsións?

—Pasara o que pasara o 28M eu ía aprender unha lección. Se o PP non sacaba un bo resultado, entenderíao como que non fomos capaces de transmitir a nosa mensaxe despois de catro anos de moito traballo e dedicación. E se obtíñamos un bo resultado o entendería como que a xente si valorou ese esforzo, esa humildade no traballo e a dedicación. Non só eu, senón todos os que conformamos o goberno de Coristanco. Nestas eleccións había 1.800 persoas das que non sabiamos a quen ían votar, e que no 2019 o fixeron por Amancio [Lavandeira, TeGa], Antonio [Pensado, de ALVC] ou Abraham [Gerpe, Contigo Coristanco], que nesta ocasión non se presentaban. Aí estaba a incógnita, nesas 1.800 persoas.

—Pero esperaba ese amplo respaldo veciñal?

—Pensaba que se podería consolidar ou ampliar a maioría, pero nunca cunha porcentaxe das máis altas de Galicia. Hai catro anos había certas dúbidas de se o PP sería, ou non, a marca banca de Terra Galega ou de Antonio [Pensado Plágaro]. Foi 67 por cento dos votos, cando hai catro anos o PP acadou o 34 por cento. Ese 67 por cento e máis, incluso, do que o PP acadou nas últimas autonómicas, con Feijoo de presidente, cun 61 por cento. Captamos voto que non é do PP. E creo que detrás deses resultados hai un elemento para min foi absolutamente determinante. A xente valorou que no 2019 eu non pactara a alcaldía con ninguén. Eu sempre falaba de rexeneración e esa rexeneración implicaba non ir da man de Antonio [Pensado] nin de Amancio [Lavandeira] e iso creo que a xente o valorou.

—Con dez edís o lóxico é que se consolide esa estabilidade institucional acadada no último mandato despois de anos convulsos no xudicial e no político.

—Por suposto. Pero que me coñece sabe que son unha persoa de acadar acordos e de lograr o consenso como así o demostrei nestes últimos catro anos. E manteño o compromiso para este mandato.

—No PSOE falan de «rodillo» do PP, co tema dos soldos. Vostede duplicará os seus ingresos anuais, de 28.500 a 47.700 euros.

— A xente que me coñece sabe que eu non son de sacar rodillos. Sempre busquei o consenso en todo, e seguirei na mesma liña. Outra cuestión é que algunhas cousas teñen que cambiar. Hai que avanzar porque hai que avanzar. Eu atopei aportacións moi interesantes do PSOE e tamén do BNG e foron realidade. Non teño reparos en recoller esas propostas. Pero tamén digo que así como hai que ter xenerosidade para escoitar tamén ten que habela para pedir. Non debe impoñer o que ten dez concelleiros, pero tampouco o que ten dous ou un. Son de xuntanzas e de aportacións conxuntas e serán un éxito de todos, pero tampouco teño que pedir perdón por ter dez concelleiros. Con respecto aos soldos teño que dicir que antes cobraba unha parcial e agora por unha dedicación completa. O Concello require dunha dedicación absoluta. A diferenza é que hai catro anos era descoñecedor da situación económica e financeira do Concello de Coristanco e naquel momento adquirín o compromiso de que os soldos políticos serían un 25 por cento máis baixos que os aprobados durante a etapa do tripartito TeGa, PSOE e BNG. Aquel compromiso supuxo un aforro de máis de cen mil euros aos veciños de Coristanco durante os catro anos. Agora pedinlle aos concelleiros un esforzo adicional e iso hai que retribuílo. En todo caso, os nosos soldos políticos son moi similares aos doutros concellos da nosa contorna, e tamén son moi parellos aos que se puxeron o PSOE, o BNG e Terra Galega no de 2015 se incluímos o IPC e as actualizacións correspondentes. Os soldos no altos ou baixos, senón efectivos, o non. Se xustifican só con traballo.

«Sería inxustificable que o polígono non saíra adiante por un cambio de Goberno na Xunta» 

Juan Carlos García tamén analizou os grandes retos do PP.

—Cales serán os eixos programáticos do PP?

—Temos que procurar o desenvolvemento urbanístico.

—Falamos dunha modificación do PXOM?

—É un desenvolvemento do Plan Xeral máis que unha modificación.

—Pero o actual PXOM é relativamente novo?

—Si, do 2015. Pretendemos desenvolver o entorno do final da rúa da Pataca, nos accesos ao colexio Xosé Pichel e, probablemente, nos accesos ao parque de Santa Marta.

—Con que obxectivo?

—O solo ten cualificación de rústico, pero urbanizable, e o obxectivo é que pase a ter a connotación de urbano. O interese do Concello é mellorar a accesibilidade tanto ao centro médico como ao Xosé Pichel. Unha vez mellorada a accesibilidade queda a opción de acometer un desenvolvemento urbanístico.

—Que máis propostas teñen?

—Hai unha infraestrutura para nós vital como é o auditorio municipal, que iría no parque de San Marta, nunha parcela que xa comprou o Concello. Sería un auditorio con capacidade para 200 persoas onde se desenvolvería todo tipo de actividades vinculadas á música e o teatro. Tamén no mesmo edificio iría o local social da parroquia de Traba.

—Cal é o orzamento previsto?

—Temos unha estimación duns 700.000 euros e agora queda por ver como se financiará.

—O gran compromiso da Xunta e do Concello é o polígono. Será unha realidade neste mandato?

—A idea é que as máquinas empecen a traballar no vindeiro verán.

—Teme que ese investimento de 7 millóns de euros quede en nada se a Xunta cambia de mans?

—Sería tremendamente inxusto. Non sería unha medida xustificable e explicable dende o punto de vista político. Non creo que iso ocorra. O polígono é moi importante para Coristanco e viable porque hai vinte empresas que xa queren instalarse na Miñata.

—Que máis propostas teñen?

—Continuar coas melloras nas áreas verdes e na rede viaria. Poñeremos en marcha o programa municipal de actividades extraescolares encamiñadas á conciliación e seguirmos coas melloras no saneamento e na traída, coa contratación de cinco novas EDAR, en Verdes, Nogueira, na Rabadeira, no Rodeiro e Sorribas e a extensión da rede da traída en Seavia, a Agualada e Erbecedo.

VAI CO CARGO

—Ten fillos?

—Dúas fillas: María, de 28 anos, e Uxía, de 18.

—Quen foi a primeira persoa que o felicitou?

—O meu compañeiro Enrique [Tasende].

—Quen foi a primeira persoa que o chamou por teléfono trala investidura?

—A miña irmá Clara, dende Portugal.

—Tivo tempo de contestar todos os wasaps?

—Intentei levalo ao día porque recibín centos de mensaxes.

—Vai cambiar algo do seu despacho?

—Quero facer limpeza, máis que cambiar algo. Non hai nada que cambiar, senón ordenar papeis. Vou conservando cousas e moitos dos expedientes xa resoltos e que hai que enviar ao arquivo municipal.

—Como leva a axenda de traballo?

—Houbo xuntanzas para concretar a RPT laboral e reunións con secretaría e intervención par organizar o traballo a curto e medio prazo.

—Xa concertou algunha entrevista na Xunta?

—Si. Con Gonzalo Trenor, este pasado domingo estivo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Estivo tamén en Coristanco Ethel Vázquez [Infraestructuras]. O conselleiro de Medio Rural, José González, virá o 18 de xullo. Mañá [por hoxe] e manterei unha xuntanza coa xerencia e dirección do Instituto Galego de Vivenda e Solo polo tema do polígono.

—Que formación académica ten?

—Teño FP 2 Técnico Especialista en Administración e Xestión.

—Este verán terá tempo para unhas vacacións?

—Si, dez días en xullo. Quedará ao fronte de todo Enrique [Tasende], edil de Obras e Servizos.

—Vai manter o seu vestiario ou vai cambiar algo?

—Por suposto que vou manter o vestiario [ri]. Sempre vestín da mesma maneira. Non moi formal, pero si cómodo. Son moito de pantalón, camisa e americana. Valoro moito a comodidade.