Pasar o ferro

Natalia Lema Otero

CARBALLO

24 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non voto a Sumar. Non é a miña elección predilecta para estes comicios. Non obstante, pasoume de sentir rexeitamento do seu vídeo contando que pasa o ferro para relaxarse. Confeso que nun primeiro momento sentín noxo porque optase por un cliché para a súa campaña. Por outra banda, pensei que se cadra era verdade, que era unha actividade que verdadeiramente a facía liberar presión e que non tiña por ocultalo.

O que me rebenta é a burla fácil, marcala facilmente cun estereotipo de muller que tiña que estar na súa casa facendo tarefas domésticas e deixándose de política. Que triste ver esas publicacións nas redes de homes que teñen nais, irmás e que tamén fan actividades compartidas nas súas propias casas, dado que eles tamén teñen mans.

Pase o que pase cando se pechen actas, teño medo. Arrepíos de volver ao retroceso máis absoluto. A que nos quiten os dereitos adquiridos polas mulleres tan recentemente e que custaron sacrificio, dor e bágoas. Non quero ser a Barbie que espere a Ken na casa, sen poder traballar, sen ter independencia social e financeira.

Non o dirán abertamente pero irán recortando os nosos dereitos, dicíndonos o que temos que facer, como actuar sobre nós e os nosos corpos e ata nos parecerá normal. Custa tanto avanzar e tan pouco retroceder que, como non teñamos memoria e poder de decisión nas urnas, estaremos condenados a repetir os nosos error, unha e outra vez.

Sempre serán as mulleres as primeiras en padecer os efectos. Ocorre porque aínda hai un amplo espectro da sociedade que considera que o noso papel se reduce a estar na casa, que somos unhas presuntuosas por querer falar e ter opinión de seu. Haberá quen pense que Yolanda estaba mellor na súa casa pasando o ferro e fregando e non no Congreso. Somos así de misóxinos aínda neste século da contemporaneidade.